122.608 razóns para crer

Jacobo Rey

GALICIA

MARTINA MISER

08 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha década os organismos estatísticos vaticinaban que na actualidade Galicia mantería unha dinámica demográfica de perda constante de poboación nas catro provincias. Pero a realidade foi ben distinta e hoxe gaña habitantes trimestre a trimestre. Unha cifra visualiza ese cambio: na nosa comunidade viven agora 122.608 persoas máis das que estimaba o INE no 2014. Sen dúbida, un feito positivo que se está a notar non só nas grandes áreas urbanas, senón tamén en concellos de mediano e pequeno tamaño.

Neste cambio de dinámica están a ter un efecto decisivo os excepcionais saldos migratorios que vén rexistrando Galicia nos últimos anos. De novo, as cifras: entre 2022 e 2023 entraron a vivir na nosa comunidade 53.000 persoas máis das que marcharon. Algo se estará facendo ben aquí cando milleiros de cidadáns de todas as idades queren iniciar un proxecto vital ao oeste do Padornelo.

Isto non quere dicir que o reto demográfico deixe de ser un dos principais desafíos que afrontamos. España é cada vez máis vella. Hai comarcas non tan lonxe do Paseo da Castellana que están quedando, literalmente, baleiras. E o máis grave: decenas de municipios españois están en risco de desaparición, con menos de 50 habitantes e o seu censo en caída libre. Ningún en Galicia, certo, mais mal fariamos se ignoramos o que lle sucede aos nosos veciños.

Hai un discurso catastrofista baseado en proclamar aos catro ventos que todo vai mal, que isto non ten remedio e que a mellor solución é cruzar os brazos. E despois está a posición adoptada por Galicia: consciencia do problema, debate público, planificación estratéxica e implantación e seguimento de medidas concretas. A Galicia de hoxe é unha terra á que miran outras comunidades. Aquí falouse e debateuse sobre demografía cando ninguén o facía. Aquí aprobouse a primeira lei demográfica de Europa, impulsada pola conselleira de Política Social, Fabiola García. E Galicia foi e segue sendo pioneira en poñer sobre a mesa medidas novidosas que anos máis tarde son imitadas por outras autonomías. Con toda a humildade, algo se estará facendo ben.

Haberá quen pense que as políticas de apoio ao retorno, a educación gratuíta desde o nacemento ata a universidade, as baixadas fiscais ás familias, o calendario vacinal máis potente do mundo... En definitiva, a visión transversal da Xunta no eido demográfico, non teñen utilidade. Outros pensamos que si, que todas estas medidas —e as que seguirá adoptando o Goberno de Alfonso Rueda— axudan ás familias galegas e axudan a aquelas que elixen Galicia. Temos 122.608 razóns para non crer nas casualidades e si nos feitos.

Jacobo Rey é director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica