Os datos sobre coñecemento e uso do galego correspondentes a 2023, que acaba de publicar o Instituto Galego de Estatística, son unha labazada de realidade. Contemplados en si mesmos, ofrecen un mapa moi preciso da precaria demografía do galego. Considerados nunha perspectiva temporal, debuxan unha liña de declive e presaxian un porvir de apagamento. Nunha valoración de urxencia non é posible entrar en detalles nin afondar en interpretacións, pero as cifras falan por si mesmas dun xeito tan rotundo que non parece destemido adiantar algunhas observacións.
A variable máis importante para a vitalidade dun idioma é o seu uso na vida diaria. Pois ben, por primeira vez na historia, o número de galegofalantes habituais é inferior ao de castelanfalantes: o 46,23 % das persoas declara falar o galego sempre ou máis ca o castelán, fronte ao un 53,77 % que se declara falante habitual do castelán. Hai vinte anos, as porcentaxes eran do 61,20 e o 38,29 respectivamente, de modo que o galego descendeu 15 puntos. Por parte, o monolingüismo en castelán incrementouse desde 2003 en case 10 puntos, ata atinxir o 30 %, a porcentaxe máis elevada que nunca se rexistrou.
Poñendo o foco nos sectores máis novos, os resultados son reveladores da tendencia cara á desgaleguización e da evolución predicible se esta se mantén. No grupo de 5 a 14 anos, só o 16,19 % fala galego sempre ou máis ca o castelán. En 2003, a porcentaxe era do 43,33 %. En cifras absolutas, o cálculo dá aproximadamente uns 87.000 rapaces e rapazas galegofalantes hai vinte anos, fronte a 31.000 agora. Isto é, todos xuntos caberían hoxe no estadio de Riazor, hai vinte anos non caberían no Bernabeu. Canto ao grupo de 15 a 29 anos, os galegofalantes atinxen a porcentaxe do 28,18 %, cando hai vinte anos representaban o 45,74%. En contraste, os monolingües en castelán supoñen o 53,67 % no grupo de 5 a 14 anos e o 43% no grupo de 15 a 29 anos, o que implica un incremento de case 20 puntos desde 2003 no caso dos primeiros, e de 18 puntos no caso dos segundos.
Xa que logo, se o obxectivo declarado das políticas do Goberno galego é avanzar cara a unha sociedade bilingüe, os resultados son desalentadores. Con certeza, as dinámicas que afectan a evolución dos usos lingüísticos son moi complexas, as posibilidades dos poderes públicos son limitadas e non existe unha fórmula milagreira para revitalizar os idiomas con séculos de marxinación ás súas costas, caso do galego. Pero é lexítimo preguntarse se unha vez comprobada a ineficacia —ou o resultado contraproducente— de certas liñas de actuación, non chega o momento de tentar outras novas. Máis, cando, como é o caso, son insistentes as voces de persoas e institucións expertas (como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou, recentemente, o Consello de Europa) que veñen advertindo das súas deficiencias e predicindo as súas fatídicas consecuencias. As alarmas xa soan enxordecedoras. O barco vai contra as pedras. Urxe un golpe de temón.