Adeus a Juan Rodríguez Yuste, un amigo senlleiro

Pedro merino gómez CATEDRÁTICO EMÉRITO DA UNIVERSIDADE DE VIGO

GALICIA

Juan Rodríguez Yuste, nunha imaxe do ano 2005
Juan Rodríguez Yuste, nunha imaxe do ano 2005 SANDRA ALONSO

Foi conselleiro de Industria con Manuel Fraga entre 1999 e 2005

02 sep 2023 . Actualizado a las 01:29 h.

O pasado día 21 de agosto finou na súa casa de Pontevedra Juan Rodríguez Yuste, quen foi conselleiro de Innovación, Industria e Comercio da Xunta con Manuel Fraga entre os anos 1999 e 2005.

Tiven a honra de coñecelo cando, sendo vicerreitor da Universidade de Vigo, recibín a súa chamada para que me fixese cargo da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento na acabada de crear Consellería de Innovación, Industria e Comercio para dar continuidade ao magnífico labor realizado polo profesor Miguel Ángel Ríos, hoxe presidente de honra da Real Academia Galega de Ciencias.

E ninguén coma el, pola súa experiencia e calidades profesionais, e como responsable da Xunta de Galicia das actividades industriais e comerciais, para poder dotar o novo proxecto dos suficientes recursos financeiros e de medios para levalo a bo fin. E, así foi, sempre tiven nel un apoio incondicional, gocei da súa confianza e forxamos unha amizade duradeira no tempo.

Era un galego de adopción, natural de Jerez de los Caballeros (Badaxoz) e criado en Sevilla. Con 21 anos, trasládase a Pontevedra, onde se instala, casa e nacen os seus cinco fillos. Desta condición resultou, ben seguro, o seu fino humor, feito de mesturas galaicosevillanas, do que sempre fixo gala, incluso nos momentos máis difíciles da súa vida. Pero, ademais, Juan Rodríguez Yuste tiña unha bonhomía natural chea de honestidade e sobriedade persoal.

Cun currículo académico excepcional, doutor en Ciencias Económicas e licenciado en Ciencias Económicas, Ciencias Políticas, Socioloxía, Dereito e Estatística, e diplomado en Enxeñaría Técnica, aínda tivo tempo para dominar o francés, inglés, alemán, italiano, portugués e árabe moderno, e impartir docencia na Universidade de Vigo e na UNED, nas áreas de Microeconomía, Estatística Teórica e Econometría. Os seus alumnos lémbrano como un profesor rigoroso nos contidos das materias e metódico nas súas exposicións.

Os primeiros pasos

No ano 1984 incorporouse como subdirector dentro da Dirección Xeral de Planificación Económica que dirixe Jorge González Gurriarán, no equipo de Xaime Trebolle, conselleiro de Economía e Facenda no Goberno de Xerardo Fernández Albor, quen viña de pilotar o proceso de transferencias ás comunidades no Goberno de Felipe González para facer un intenso labor ao formar parte dun comité no que estaban todas as consellerías para preparar a entrada de España na Unión Europea e, ao mesmo tempo, iniciar as relacións coa Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal, que, nunha primeira etapa, preside Luis Valente de Oliveira, quen posteriormente foi ministro de Educación, e ,despois, Luis Braga da Cruz, quen tamén foi ministro portugués de Economía e, despois, presidente da Universidade do Minho, con quen mantivo unha duradeira e fonda amizade. Desta Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal xurdiron os primeiros proxectos transaccionais no ámbito da Eurorrexión.

Foi precisamente esta ampla formación, experiencia internacional e dominio dos idiomas o que levou a Manuel Fraga a nomealo secretario xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior da Xunta de Galicia, e director da Fundación Galicia-Europa.

Desde ese posto foi quen de crear as conexións necesarias que lle permitiron ao presidente da Xunta realizar numerosas viaxes internacionais. Moitas foron as anécdotas que contaba dalgúns feitos xurdidos nas numerosas viaxes nas que acompañaba ao presidente da Xunta de Galicia, algunhas tan singulares como a visita ao líder de Libia, Muamar el Gadafi, que os recibiu na haima na que adoitaba recibir os xefes de Estado, e con quen tiveron dificultades de entendemento que Juan, co seu humor cotián atribuíu á diferenza tan notable entre o árabe académico de Damasco que el falaba e o árabe estándar (fushad) do líder de Libia.

Nos poucos momentos de vagar que tiñamos, era optimista, alegre e divertido, e sempre tiña unha actitude persoal moi prudente e de achegamento persoal. Cando no traballo se producían situacións adversas, adoitaba dicirnos para alentarnos e mobilizarnos: «Ya sabéis que Dios protege a los malos cuando son más que los buenos», lembrándomos este dito popular do século XIV da ribeira do Douro cando os almorábides se aprestaban a cruzar o río para perpetrar os seus saqueos, atropelos e razzias.

Del podería dicirse o mesmo que dicía Julián Marías do seu amigo e mestre José Ortega e Gasset: «Era como o sol, cálido e luminoso».