Pilar Neira: «Non sabía que estaba abrindo camiño»

Sara Pérez Peral
Sara Pérez LA VOZ

GALICIA

CEDIDA

De xogadora da selección galega feminina, pasou a ser a súa adestradora. Esa viaxe que comezou hai máis de 40 anos co fútbol como acompañante, di, segue sendo igual de emocionante

01 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha pioneira, de espírito rebelde e moi autoesixente. É unha das posibles definicións máis acaídas de Pilar Neira (Londres, 1963), que empezou a xogar ao fútbol nun momento no que a sociedade aínda non entendía que iso tamén era cousa de mulleres. «Recordo ir coa miña nai e que lle dixeran: ‘‘Pacita, a túa filla saíu cambiada”. Moito tivo que sufrir...», lembra. Pero ela nunca se sentiu desprazada, fóra de lugar, en gran parte grazas ao apoio incondicional dos seus pais. Aos 12 anos comezou a xogar no Karbo, o seu primeiro equipo, e aí daríase inicio a unha historia ligada ao fútbol que mantén a día de hoxe, igual de motivada que como cando de pequena xogaba na rúa co resto de nenos. No camiño, oito veces campioa de España: tres como xogadora e cinco como adestradora. Porque Neira foi das catro primeiras mulleres que conseguiron o título para poder adestrar. «Non sabía que estaba abrindo camiño», recoñece. Pero tampouco foi fácil. Para ser oficialmente adestradora tiña que facer prácticas nalgún equipo, e daquela ninguén quería mulleres. Así que foi o seu pai quen, case que pedindo un favor, falou co presidente do Orzán para que lle dese unha oportunidade. «Ningún club quería contratarme», di.

No 2007 a Pilar Neira chámana para adestrar a selección galega de fútbol feminino, unha experiencia que lembra de forma moi positiva e que para ela cobrou sentido dalgún xeito despois de que, anos atrás, fora xogadora. Disputara a final do primeiro campionato da selección galega, no Camp Nou, ante 24.000 persoas, e gañáraa. O balonmán tamén formou unha parte importante na historia de Neira, co que finalmente se quedou cando non puido compaxinalo máis co fútbol. Desa familia, di, sacou unhas marabillosas tías para a súa filla.

Pero nada diso, nin fútbol nin balonmán, levou a Neira a poder dedicarse profesionalmente ao deporte. Leva 40 anos, contando dende o presente, traballando en escolas infantís, primeiro como educadora e agora como directora. Ademais de adestrar equipos de fútbol 11 ou de sala.

O último afán de Pilar Neira foi levar o fútbol ao cárcere. «Fun dar unha charla a Teixeiro sobre o fútbol, sobre a miña vida. A idea era adestrar con elas, pero non funcionou», subliña. A sorpresa foi que con eles si. «Foron eles os que mo pediron», remata. Esta é a cuarta temporada que traballa con este equipo, mércores e sábados, adestrándoos, e domingos, competindo. «Sempre xogamos na casa e o público sempre está ao noso favor», ri. Sobre o motivo polo que os seus xogadores están no penal, di que ela iso non o quere saber: «Asumo que están aí porque meteron a pata, pero eu quero darlles unha oportunidade a través do fútbol. Creo niso».

En que emprega o tempo libre Neira? Case que non ten. «Grazas á familia que teño podo facer todo isto. Sen eles sería imposible», recoñece. Iso si, se pode, o que máis lle gusta é tomar o sol.