Diego Martínez, o mellor investigador de Europa no 2013: «A mellor época foi a de estudante»

Candela Montero Río / R. S. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Diego Martínez, onte no seu posto de traballo en Santiago.
Diego Martínez, onte no seu posto de traballo en Santiago. Xoán A. Soler

Hai dez anos recibía o premio ao mellor físico europeo o mesmo día que lle negaban unha beca para regresar a España. Finalmente volveu a Galicia e agora dedícase á investigación en Santiago

29 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Desde que teño memoria quérome dedicar á ciencia». Así de claras tiña as cousas Diego Martínez Santos (Foz, 1982), un dos mellores físicos de Europa.

Hai case dez anos, no 2013, a Sociedade Europea de Física concedíalle o premio ao mellor mozo físico experimental de Europa. Curiosamente, isto acontecía o mesmo día no que se lle comunicaba que quedaba rexeitada a súa solicitude para volver a España co programa Ramón y Cajal. Ao seu pesar, fíxose célebre por partida dobre.

Botando a vista atrás, a opinión de Diego Martínez sobre aquel paradoxo segue sendo a mesma: «Eu daquela tiña un traballo ben pagado en Holanda, así que non gañar a axuda non supuxo ningún drama. A verdade é que no seu momento tampouco me afectou moito», valora.

Aínda así, rematou por regresar a Galicia. Tras traballar varios anos en Amsterdam, volveu no 2015 a través do programa Oportunius da Xunta: «Conseguín un proxecto do European Research Council e, como ese proxecto se pode desenvolver en calquera país que estea dentro da área científica europea, tróuxeno para Santiago». Agora traballa no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, en Compostela, onde dedica o seu tempo á elaboración de software de análise de datos da LHCb, un dos seis detectores de partículas que actualmente funcionan na Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN).

Logo dunha vida dedicada á física, ten claro que é o que menos lle gusta do seu traballo: «A parte administrativa é a peor, pola súa mera natureza. Teño que dedicarlle moitas horas, e eu son científico, esas cousas fánseme moi pesadas». Pola contra, cústalle decidir cal é a mellor parte: «Supoño que o máis emocionante é analizar cousas que non se miraran nunca antes, levar a cabo novos descubrimentos. Aínda que a mellor época foi a de estudante, entre 2002 e 2010», conta.

Nunha disciplina marcada pola incerteza laboral, a curto prazo a súa idea é continuar no CERN: «Ao experimento no que estou traballando aínda lle quedan uns cantos anos de toma de datos. Eu calculo que polo menos ata 2030 estaremos niso. A partir dese momento é posible que esta fase continúe, aínda que non sei se eu seguirei. Pero nos próximos anos a miña idea e seguir nesa investigación».

De aí en adiante, asegura que as decisións non as tomará el, senón que serán os avances das súas procuras os que lle irán marcando o camiño: «Non podería facer un plan dende hoxe ata que me xubile, porque igual dentro de 15 anos é todo moi distinto por calquera xiro da liña de investigación», afirma. «Cando remate iso —engade—, o futuro dependerá do que se aprenda nesa toma de datos. As decisións iranse tomando en función dos resultados da investigación, e segundo iso serán unhas ou outras».