—Que persoa lle deixou unha pegada maior.
—Ramón Piñeiro. Sei que é un personaxe discutido pero a súa actividade foi providencial e nas distancias curtas comunicaba unha empatía que para min foi admirable.
—E bota de menos non coñecer algún contemporáneo?
—Quizais Otero Pedrayo. Escoiteino nalgunha conferencia pero non tiven moita ocasión de poder falar con el.
—Cara onde cre que imos co cambio climático.
—Camiñamos cara a unha situación preocupante e non se está facendo de momento demasiado. Pero se o miramos cunha certa perspectiva histórica vemos que ante as primeiras advertencias dos anos 70 do século pasado non se facía nada. E nos últimos dos cumios os gobernos empezan xa a collerlle medo ao problema e están empezando a dar primeiros pasos, tímidos, pero certos. Hai medo a dicir que todos os cambios que son necesarios van supoñer un esforzo pola nosa parte.
—Imos ao importante, Celta ou Dépor?
—Son pouco futboleiro, pero por tradición familiar, son do Celta.
—Autodefínase en poucas palabras.
—Son bastante imaxinativo; despistado; confío moito na xente e teño esperanza no porvir e na singularidade do ser humano, polo tanto, humanista.
—Cociña algo?
—Si, gústame a boa mesa e penso que me desenvolvo bastante ben na cociña. E, modestia á parte, teño bastante éxito.
—Sabería facer unha empanada?
—Do que queira.
—Que lle gusta facer cando ten tempo?
—Pasear, escoitar música... Se me vai preguntar pola canción que prefiro, xa lle digo unha de Mikis Theodorakis cantada por María Farantouri: To gelasto paidi. É unha peza que me entusiasma.
—Ten móbil?
—Non. O meu capricho é non ter móbil e quen o sofre é a miña muller. Decátome de que é unha necesidade, pero xa convivo con esa situación e agradézolle á miña muller que sexa o enlace co mundo exterior.
—A que lle ten medo?
—A que os meus teñan problemas. Eu non miro con medo ao futuro, pero si que lle poida pasar algo á miña familia.
—Algún lugar fetiche?
—Dous: a parte vella de Santiago cando non está chea de turistas e a costa de Ribadeo.
—O máis importante na vida?
—A sinceridade, cun mesmo e tentar entender os demais e, dalgún xeito, facelos felices na medida que un poida.