Carmen Santos, ex secretaria xeral de Podemos Galicia: «Podemos non freou o poder da casta»

Carlos Punzón
carlos punzón VIGO / LA VOZ

GALICIA

Santos, fotografada recentemente en Vigo, asegura sentirse feliz na volta ao seu traballo no CSIC
Santos, fotografada recentemente en Vigo, asegura sentirse feliz na volta ao seu traballo no CSIC Oscar Vázquez

Entrou no partido morado no 2015 para facer algo máis que falar de política. Deixou toda militancia nas últimas autonómicas e agora está no CSIC, pero non descarta volver no futuro á política

10 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Santos (Porto do Son, 1981) foi das primeiras persoas que entraron nos círculos de Podemos en Galicia, forza da que foi secretaria xeral. Xa non está nin nos conxuntos baleiros nos que, lamenta, se deixaron ir aquelas circunferencias de debate, nin milita en forza política algunha. «Despois das últimas eleccións galegas, nas que non houbo ningún tipo de asunción de responsabilidades por parte da dirección que nos levou de ser a segunda forza no Parlamento a ter cero deputados, non continuei. O mínimo nunha forza política seria, por coherencia e decencia, é asumir responsabilidades», di mandando un recado a quen lle sucedeu no cargo.

Saíu do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo cara o Parlamento, e da cámara autonómica volveu ao centro do CSIC. «Ser funcionario claro que dá máis liberdade para actuar en política segundo o teu criterio, pero dá liberdade sobre todo para encarar as presións que hai nos aparatos dos partidos. Ás veces, están por riba do interese xeral. Afógao a partitocracia», confesa engadindo que «era algo que Podemos quería mudar, frear o poder da casta, pero non fixo. Deberían darlle outra volta».

Co título oficial de politóloga acadado como licenciada en Ciencias Políticas, e posto a proba logo no gabinete da ministra Cristina Garmendia e na vertixe de Podemos, Santos estima que España camiña cara a un bipartidismo imperfecto. «Nos momentos convulsos a xente tende a ir cara ás estruturas que xa coñece, as tradicionais», fronte ao exceso de cambios que recoñece houbo nos novos partidos. Pero quere crer que na conciencia colectiva quedará que hai máis puntos de vista que «os de sempre». «Se se transmite tranquilidade e honestidade poden irromper gobernos que non estean liderados polo PP ou o PSOE». A Más Madrid ou ao BNG en Galicia son aos que ve máis cerca dese éxito. «A xente agora atrévese a cambiar o seu voto».

No seu discurso en Podemos defendeu un estado plurinacional federal no que Galicia fose unha nación, vía que, entende, permitiría unha xestión máis efectiva. Pero subliña que esa postura «quedoulle polo camiño a Podemos». Agora, dende fóra, asegura que non pensa en volver formar parte dunha candidatura a medio prazo, aínda que ten escoitado cantos de serea. «Quero centrarme no meu traballo, pero non descarto nada cara ao futuro, pero tería que estar moi segura do proxecto e das persoas que estean nel. Hoxe, onde me vexo máis representada é no BNG de Ana Pontón». «Pero iso —matiza— non ten por que levar implícito que eu milite no BNG ou vaia nunha lista súa», di destilando aínda un discurso político que hai menos de dous anos aínda pronunciaba.

Fun

Secretaria xeral de Podemos en Galicia entre 2016-2018, e parlamentaria por En Marea.

Son

Funcionaria na área de xestión e apoio á dirección do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) en Vigo.