A construción da autonomía: un país que xurdiu da nada

GALICIA

Os cinco presidentes da Xunta desde as primeiras eleccións en 1981
Os cinco presidentes da Xunta desde as primeiras eleccións en 1981 XOÁN A. SOLER

 A aprobación do Estatuto abriu un longo período de asunción de competencias. Este foi o proceso

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A angustia pola carencia de medios durante os preliminares da autonomía galega é patente nesta reflexión do seu primeiro presidente, Gerardo Fernández Albor, nun libro editado no seu momento polo Parlamento para celebrar o seu trinta aniversario: «O noso primeiro ano de Goberno foi unha auténtica travesía do deserto, cunha Administración autonómica raquítica. O orzamento anual era de 320 millóns de pesetas, e só o capítulo de persoal xa consumía 216. Tiñamos uns 2.700 funcionarios transferidos, dos cales 2.000 eran sanitarios locais [a sanidade xeral tardaría nove anos en ser transferida]. Logo dispoñiamos dun crédito adicional por importe duns 1.100 millóns, cuxo destino estaba totalmente condicionado pola Administración central. Tanto en competencias como en estruturas e medios, empezamos moi por debaixo de Cataluña e o País Vasco, e mesmo tamén por debaixo doutros entes preautonómicos sen peso histórico».

Así lembraba Albor o primeiro ano da autonomía. Eran os fráxiles cimentos dunha estrutura administrativa que empezou sendo moi raquítica e que a partir dos primeiros anos oitenta iría alimentándose progresivamente con sucesivas competencias transferidas polo Estado. Pero naquela primeira lexislatura fóronse fraguando as bases que servirían para construír un país que buscaba o autogoberno cunha administración inexistente.

De apenas tres millares de funcionarios pasouse a dar traballo a cerca de cen mil, se se inclúe ao persoal universitario. Daqueles recursos económicos que non chegaban aos dez millóns de euros no primeiro orzamento aprobado pola Xunta pasouse a xestionar un presuposto de máis de 11.600 millóns (o dato para este 2021).

O músculo administrativo galego foise facendo progresivamente, con sucesivas descargas de alta voltaxe que teñen na transferencia da educación e da sanidade o seu cume, pois eses dous ámbitos supoñen boa parte do persoal autonómico e consumen gran parte dos recursos económicos. Pese a que a autonomía nace «sin el calor popular», como lembra Ramón Villares na súa Historia de Galicia, un dos máis grandes impulsos á creación da Administración autonómica prodúcese ao ano seguinte da aprobación do Estatuto. Así, en 1982 o Estado delegou na Xunta vinte áreas administrativas, a maior cesión da historia, que tivo continuidade nos tres anos seguintes. A maior parte da xestión da educación pública xa se traspasou nese ano, co obxectivo de darlle a Galicia a oportunidade, entre outras cousas, de empezar a escolarizar en galego a primeira xeración de estudantes. As competencias en educación completáronse en 1987 coa cesión da formación profesional e das universidades, de forma que a Xunta tiña baixo a súa xestión todos os ciclos formativos e case todos os funcionarios do sector educativo.

Durante os anos oitenta, Galicia recibiu 85 áreas administrativas, máis da metade das competencias que asumiu nos anos sucesivos. Pese a que o Estatuto permite aínda o crecemento da Administración autonómica en certos asuntos, a comunidade non recibiu nin unha soa área administrativa dende o ano 2008. Podería dicirse, polo tanto, que o proceso de crecemento do Goberno autónomo está paralizado dende entón. A proba está en que Cataluña (con 189 competencias transferidas) e incluso Andalucía (155) superan a Galicia (154) na asunción de áreas competenciais, excluíndo ao País Vasco e Navarra polo seu réxime foral especial, que lles dá unha ampla marxe de xestión en asuntos fiscais. Pese a isto, Galicia é a terceira comunidade en número de competencias asumidas.

O segundo gran impulso ao autogoberno foi o traspaso da sanidade en 1990, o que supuxo a xestión dunha das áreas que consumen máis presuposto.

Galicia é unha das poucas comunidades que non reformou o seu Estatuto no período de goberno de Rodríguez Zapatero, cando se aprobaron nas Cortes boa parte destas adaptacións das normas autonómicas á nova realidade. E parece que tampouco nesta lexislatura se afrontará este reto de mellorar a norma superior que determina o funcionamento do autogoberno de Galicia.

Feijoo, Touriño e Quintana, en xaneiro do 2007, negociando a reforma do Estatuto de autonomía

O chasco do único intento de reformar o Estatuto en catro décadas

Domingos Sampedro

O cambio de milenio trouxo un intento firme de revisar á alza o modelo de descentralización de España para outorgarlle máis poder as comunidades. O estatutos de autonomía acababan de cumprir 20 anos. E coma nun xogo de dominó, empezou a mover fichas o País Vasco lanzando no 2001 o chamado e malogrado Plan Ibarretxe. E tomou Cataluña o relevo no 2004, coa proposta de reforma promovida por Pascual Maragall.

As cousas tamén mudan entón en Galicia. No 2005, Manuel Fraga ten que deixar a Presidencia da Xunta tras as eleccións, e entra Emilio Pérez Touriño. Chega a Monte Pío a cabalo dun acordo de goberno PSOE-BNG, cuxo primeiro punto dicía textualmente: «Cómpre revisar o Estatuto de autonomía, incorporando novas demandas e necesidades e perfeccionando os mecanismos de autogoberno e representación. Queremos facelo coa participación de todas as forzas políticas con representación parlamentaria».

Seguir leyendo