Ana Pontón, candidata do BNG á Xunta: «Podemos erguernos desta crise, pero só se hai un Goberno con sangue nas veas»

O acordo de investidura que asinou o seu partido co PSOE «segue a ter toda a validez», di a portavoz nacional do Bloque. «Non, non nos tomaron o pelo», insiste

A candidata do BNG Ana Pontón, este luns en Santiago
A candidata do BNG Ana Pontón, este luns en Santiago

Santiago

Ana Pontón (Sarria, 1977) é a única aspirante á Xunta entre os partidos da oposición que ten experiencia neste papel, pois xa fora candidata no 2016, mais recunca nun contexto moi diferente, marcado pola crise do coronavirus, compartindo o labor político coa crianza da súa filla de catro meses e cunhas expectativas tamén diferentes para o Bloque.

—Por que crían que non era axeitado ir ás urnas o 12 de xullo?

—Agora ese debate xa non ten sentido. A decisión está tomada, así que imos traballar con ganas, porque pensamos que o cambio galego é posible se nos mobilizamos. Ademais, é o mellor que lle pode pasar a Galicia, pois non podemos seguir máis tempo nunha dinámica na que o país vai a menos: temos menos industria, menos xente, menos futuro. Agora é máis urxente ese cambio galego.

—Non se debilitaron as opcións do cambio co adiamento electoral?

—O cambio non depende da data, senón da capacidade para ilusionar a unha maioría social cun proxecto alternativo, e penso que a ilusión que ten este BNG á alza vai facer que o cambio galego sexa posible. Nós saímos a gañar, eu quero ser a presidenta de Galicia sabendo que imos vivir unha etapa de dificultades que vai requirir de decisións importantes.

—Que tipo de decisións?

—A primeira que tomarei como presidenta da Xunta, se os galegos me dan a confianza, é convocar a todos os axentes económicos, sociais e políticos a un grande acordo que nos permita reactivar o tecido económico e social de Galicia. Esa é a prioridade na que temos que centrarnos agora.

«Quero ser a presidenta de Galicia sabendo que imos vivir unha etapa de dificultades que vai requirir de decisións importantes»

—Cal foi a principal eiva do Goberno galego na xestión desta crise sanitaria?

—Moitas. A primeira é que non houbo xestión, tivemos un Goberno que se escondeu detrás da recentralización para botar balóns fóra e non asumir responsabilidades. E o que me parece dramático é todo o que ten que ver coas residencias, porque temos 20.000 persoas neses centros que concentran a metade dos falecementos que se produciron en Galicia. Iso é moi grave, e demostra ata que punto non houbo previsión nin capacidade de resposta.

—Feijoo admite problemas nalgunhas residencias, pero considera válido o modelo.

—Denominar problema puntual a que a metade dos falecementos polo covid-19 se produciran nas residencias creo que o descualifica por si mesmo.

—Que cambiaría vostede?

—O primeiro que hai que facer é unha investigación do que ocorreu, e o segundo é mudar o modelo, porque o que non pode ser é que as residencias sexan un elemento cos que algúns fagan negocio. Temos que garantir o dereito a ter unha vellez digna a través dun modelo público.

—Fala de investigación no Parlamento ou nos xulgados?

—Os casos xudiciais que poida haber non impiden que se poida investigar no Parlamento. As familias e o conxunto da sociedades teñen dereito a saber o que pasou e o que fallou, e sobre todo hai que evitar que volva producirse no futuro, porque se cunha incidencia tan baixa do virus tivemos unha letalidade tan alta, que pasará nun segundo brote?

«A ilusión que ten este BNG á alza vai facer que o cambio galego sexa posible»

—Estivo áxil o Goberno central na resposta ao andazo do virus?

—Creo que é evidente que nin a Xunta, nin o Goberno español, nin os Gobernos do contorno se anticiparon aos problemas. Infravalorouse a alerta da OMS, e vimos que a recentralización non é eficaz, porque se usou politicamente dende a Xunta para eludir responsabilidades. Aquí chegouse a destituír a unha xefa de servizo do Sergas por pedir material de protección, e aínda así menos mal que Galicia ten grandes profesionais sanitarios que foron capaces de dar unha resposta axeitada.

—Pois a Xunta defende que anticipou medidas que logo tomou o Goberno central. Non foi así?

—Non coñezo ningunha decisión que se anticipara. Se así fose, Feijoo non tería convocado eleccións anticipadas cando a OMS xa dera sinais de alerta e centraríase en traballar para facerlle fronte a esa emerxencia sanitaria. E logo temos que o nivel de letalidade que tivo o virus en Galicia foi moi elevado.

—Realmente considera que tivo maior afectación en Galicia ca noutras comunidades?

—Hai que ver os datos polo miúdo, pero a min que outros lugares o fixeran peor non me vale de nada, porque tamén hai outros países que teñen nivel de poboación similar a Galicia, como os países nórdicos ou algún estado federado alemán, e que tiveron un grao de letalidade moitísimo máis baixo. De cando en vez tamén podemos mirar a quen o fixo mellor para poder avanzar, porque dá a impresión de que en Galicia temos un Goberno que cada vez que alguén o fai peor xa está contento, e non pode ser. Podemos erguernos desta crise, pero necesitamos un Goberno con sangue nas veas.

—Tomáronlle o pelo ao BNG co acordo de investidura de Sánchez?

—Para nada, penso que ese acordo segue a ter toda a validez.

—Pero non hai nin comisión mixta de transferencias, nin rebaixa de peaxes, nin máis galego nas emisións de TVE, nin estatuto para as electrointensivas... Polo de agora non se materializou nada.

—Vaime permitir que diga que o acordo se asinou en xaneiro e que levamos tres meses de confinamento. Mire, nós imos ser hiperresixentes co cumprimento dese acordo, e o que se demostra é que cumprilo é máis necesario ca nunca, e que o BNG estea na presidencia da Xunta vai ser o elemento que faga máis viable que o acordo se poida materializar e que o país avance.

—Insisto: falaba de aprobar un estatuto para a industria electrointensiva «coa máxima urxencia» e levan máis dun ano dándolle voltas.

—E nós imos seguir insistindo en que se aprobe non só un estatuto de electrointensivas, que con esa medida soa non chega, senón tamén que se poña sobre a mesa a nacionalización de Alcoa e unha tarifa eléctrica galega que nos permita que a riqueza enerxética do país se utilice para salvar emprego e xerar riqueza en Galicia. Non pode ser que se deixe caer a unha comarca sen facer nada, así que se son presidenta traballarei para que Alcoa non caia, e fareino poñendo sobre a mesa unha proposta de nacionalización na que participen a Xunta e Goberno central.

—En que consistiría esa nacionalización? En producir a mesma cantidade de aluminio a perdas?

—Hai un problema na produción internacional, é certo, pero quen sobreviva vai vender; se nós pechamos Alcoa, en vez de producir aluminio o que faremos será mercalo de fóra. Eu o que propoño é salvar a produción industrial do noso país e capear as dificultades, porque vemos que en Italia salvaron a súa produción e Francia fai unha aposta estratéxica nese ámbito. Por que Galicia non? Por que temos que deixar de producir? A onde nos queren levar? A ser unicamente un destino turístico? Non e non, iso non poder ser. Temos que deixar de facer a crónica dos peches de fábricas e apostar polo nosa capacidade, que a temos.

—Como lle pode afectar ao BNG que En Marea, agora Marea Galeguista, tamén compita nesta campaña?

—Cada forza política ten dereito a poder presentarse. O pluralismo suma, pero o BNG é a forza que ilusiona e capitaliza as ganas de que se produza un cambio galego. Nós saímos a xogar un partido enteiro.

—A que atribúe que Compromiso por Galicia apoiara ao BNG nas pasadas xerais e agora se sume a En Marea para esa coalición?

—Cada forza ten dereito a tomar as súas decisións. O que importa é o proxecto que lles ofrecemos aos galegos, e o noso é sólido, renovado, e aposta polo futuro de Galicia. E iso será posible levalo a cabo se os galegos nos mobilizamos para ter por primeira vez unha muller presidenta.

—Se Feijoo no acadara a maioría, sería difícil xuntar a diferentes sensibilidades de toda a esquerda para formar goberno?

—Creo que esa parte está garantida: se os galegos apostan polo cambio, estaremos á altura.

—Ten algún tipo de incompatibilidade para gobernar con membros doutros partidos, algúns saídos do BNG?

—Sería de traca que as incompatibilidades poidan estar por riba do que decidan os galegos. Eu vou estar no que digan, traballando con ilusión e confianza no país. As forzas da esquerda imos ter capacidade de entendemento, e eu vou estar á altura dese reto.

—Que fará vostede se non acada o obxectivo do cambio político?

—Ese escenario non o contemplo: estou segura de que imos dar un gran salto político.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
117 votos
Comentarios

Ana Pontón, candidata do BNG á Xunta: «Podemos erguernos desta crise, pero só se hai un Goberno con sangue nas veas»