Rafael Louzán: «O fútbol é polémica»

O presidente da Federación Galega de Fútbol di que non bota de menos a política e di que Mariano Rajoy, de cerca, namora


Din os que o coñecen que Rafael Louzán (Ribadumia, 1967), doce anos presidente da Deputación de Pontevedra, cando de verdade o está pasando ben é agora, na Federación Galega de Fútbol. Nótaselle. Usa con moita frecuencia o verbo namorar.

-Como está o fútbol galego?

-No contexto nacional é sorprendente a cantidade de practicantes que ten Galicia. Porcentualmente é a primeira en España, con cen mil licencias. Así que estamos nun bo momento. Na clasificación de fútbol profesional, non tanto. Temos dous equipos en descenso, Celta e Lugo e un que acaba de saír.

-É máis importante o dato das licencias ou o dos equipos profesionais?

-Son importantes os dous. O Celta e o Dépor son os dous mellores embaixadores que ten Galicia no mundo. Pero o fútbol afeccionado é moi importante. Este fin de semana vanse xogar en Galicia máis de 3.000 partidos de fútbol e fútbol sala. E vanse mover máis de 250.000 persoas.

-Temos moitas licencias pero poucos futbolistas na elite.

-É verdade. O problema é que hai que competir e somos os equipos que somos e non é tan fácil, porque temos que enfrontarnos entre nós. Aínda que tamén me dicía Fernando Vázquez estes días que temos a mellor selección galega da historia.

-O fútbol feminino estoupou. É un fenómeno imparable?

-Estamos chegando ao 7 % das licencias e queremos chegar entre o 8 e o 10 % a final de temporada. Xa sei que a frase está moi feito, pero o fútbol feminino chegou para quedarse, porque agora hai estruturas que xa son sostibles. O hándicap é a conciliación. É o gran salto que queda por dar.

-Vostede xogou ao fútbol?

-En todos os postos.

-Tamén de porteiro?

-Tamén. Fun xogador e dirixente moitos anos.

-Que tal se lle daba o de xogar?

-Bah. Moi normaliño.

-Mire, teño que preguntalo: Celta ou Dépor?

-É difícil, pero non vou escapar da resposta. Por proximidade, o Celta, pero por afección o Dépor. É extraordinario ir ver a un equipo en descenso e atopar 27.000 persoas. É algo que namora. A xente leva en volandas ao equipo.

-Cal é o mellor futbolista galego da historia? Amancio, Luis Suárez?

-A Luis Suárez non o vin xogar. E a Amancio, moi pouco. Paco Buyo máis. E hai un dianteiro con moito talento que é Iago Aspas. Un talento como o de Fran, que foi un referente.

-Cando se equivoca o árbitro, berra?

-Podo pensalo, pero no interior. O papel do árbitro é o máis difícil do fútbol. É o que máis deberíamos comprender e o que menos comprendemos.

-Agora axúdaos a tecnoloxía.

-A tecnoloxía axuda a ter un fútbol máis xusto.

-Pero a polémica non remata.

-Pero é que o fútbol é polémica. Que sería o fútbol sen ela?

-Bota de menos a política?

-Non.

-En certo modo isto tamén é política.

-Si. Ten en común o contacto coa xente que sempre me gustou. Na deputación coñecín toda a provincia e na federación estou coñecendo toda Galicia.

-Cando escoita iso de que o fútbol é o opio do pobo...

-É unha frase fácil. Todos na vida necesitamos ter algo que nos enganche.

-¿Vaise presentar Rajoy á presidencia da Federación Española de Fútbol?

-Para min é fácil falar del porque comparto con el moi a miúdo. É unha belísima persoa e houbérame gustado que os españois o houberan coñecido en persoa, porque, de cerca, Rajoy namora. O da Federación forma parte deste ámbito periodístico no que vivimos. Penso que el sorrí bastante con ese tema. Está dedicado ao seu libro.

-Din que é vostede un gran camiñante.

-Onte aínda fixen once kilómetros pola tarde. Na miña etapa na deputación fixemos máis de 50 kilómetros de sendas e un dos grandes embaixadores de estas sendas foi o propio Mariano Rajoy.

-Que outras afeccións ten?

-Sempre quero dedicar máis tempo á familia e compartir cos amigos.

-Conte algunha travesura que fixera de pequeno.

-Seguro que fixen moitas, aínda que agora non lembro... Teño nun pé un recordo dunha vez que me dixeron que non me bañara nunha parte do río, pero bañeime. E me cortei cun cristal todo o pé. Aínda teño a cicatriz.

-Que tal cociña?

-Non cociño. Pedro teño moi boas dotes de camareiro.

-Ten un lugar favorito?

-Todo o Salnés. É espectacular. Eu lembro cando metemos a Volta Ciclista a España en O Grove e na Illa de Arousa, pedín á organización que mantiveran o máximo posible as imaxes do helicóptero. Uns días despois chamoume un señor dende Arxentina para dicirme: «Eu sabía que a miña terra era bonita, pero non imaxinaba que o fora tanto vista dende o aire». Emocionoume.

-Unha canción.

-Unha do meu fillo que está en Youtube. Chámase 0,25 de amor en sangre. Eles son Manuel Louzán e Íñigo Miñana.

-O máis importante na vida.

-A saúde, os amigos, a familia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Rafael Louzán: «O fútbol é polémica»