O galego, materia pendente na misa

Mónica Pérez Vilar
MÓNICA P. VILAR REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Misa das 13:30 do domingo na parroquia coruñesa de San Nicolás, oficiada en galego
Misa das 13:30 do domingo na parroquia coruñesa de San Nicolás, oficiada en galego CESAR QUIAN

Hai 50 anos que se aprobou o noso idioma como lingua litúrxica oficial, pero o seu emprego segue a ser escaso

30 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1969 o galego convertíase en lingua oficial para a misa, ao ser aprobados e publicados os correspondentes textos litúrxicos. Seis anos antes, o Concilio Vaticano II autorizara por primeira vez o uso das linguas vernáculas para as celebracións relixiosas, facéndoas máis próximas aos fregueses. Non obstante, foi o castelán o que máis éxito tivo á hora de ir substituíndo ao latín como idioma nas igrexas de Galicia, tal e como criticaba o avogado e político Alfonso Álvarez Gándara no artigo A igrexa non fala a mesma lingua que os galegos, premio Fernández Latorre no ano 1967.

Cincuenta anos despois de acadar esa oficialidade, a incorporación do galego de xeito masivo á misa segue a ser unha materia pendente na comunidade. «No ano 79 o Concilio Pastoral de Galicia pedía que polo menos en cada parroquia houbese unha misa en galego, e hoxe non é así en absoluto. Falta sensibilidade, e aínda hoxe hai reaccións en contra, a pesar de que é unha obriga usar a nosa lingua», sinala o sacerdote Alfonso Blanco, fundador da asociación Xermolos.

«Falta sensibilidade e aínda hoxe hai reaccións en contra»

Semellante sensación hai entre as comunidades segrares. «Non houbo un impulso para promover o galego na Igrexa. A xerarquía eclesiástica non impide pero tampouco promove. Ao final depende de espazos con interese propio na cuestión, como comunidades de base, determinadas parroquias ou colectivos históricos como poden ser Encrucillada, Irimia ou Remol da palabra», sinala Lucía Santiago, membro precisamente da Asociación Irimia, fundada en 1978 co obxectivo de promover unha galeguidade cristiá.

La Voz de Galicia  publicaba en 1972 as misas que se oficiaban no noso idioma en distintas parroquias de Galicia
La Voz de Galicia publicaba en 1972 as misas que se oficiaban no noso idioma en distintas parroquias de Galicia

O certo é que cando se consulta nas webs especializadas en informar sobre horarios e lugares onde se celebra a misa, os resultados seguen a ser moitísimo máis reducidos se se procura un oficio en galego. Sete, por exemplo, aparecen en toda a cidade da Coruña, segundo a páxina oficial dunha das súas parroquias principais. Tres figuran en Vigo segundo misas.org, e unha delas só os sábados impares.

«Eu véxoo cada vez peor: menos uso do galego, menos misas, menos recursos... Os curas falan galego do atrio para fóra, pero non do atrio cara dentro», opina Nuria Núñez, creadora de varios sitios web nos que se pode consultar material relixioso en galego, como oracións ou textos de catequese. «Simplemente quería rezar un Ave María en galego, e cansei de esperar a que algún organismo oficial o sacara. Así que decidín facelo eu mesma e colgalo. A xente empezou a pedir cousiñas e hoxe teño ata canles de Youtube con cancións en galego para a misa», explica.

«Os curas falan galego do atrio para fóra, pero non do atrio cara dentro»

A un e outro lado do altar, Nuria Núñez e Alfonso Blanco coinciden nunha apreciación: hai máis reticencia entre os maiores á hora de aceptar o galego nos ritos litúrxicos. «A xente nova é máis sensible coa lingua. Ás veces os mozos pídenme que oficie en galego por exemplo un enterro. Valoran que nese momento tan delicado lles fales de seu pai ou nai na lingua que mamaron», apunta o sacerdote.

30 anos da Biblia en galego

Neste 2019 a piques de expirar cumpríronse tamén 30 anos da publicación da Biblia traducida ao galego dende as linguas orixinais, que viu a luz en 1989 da man da editorial Sept. Mentres se prepara unha reedición adaptada á nova normativa, a obra pode consultarse online, xa que non quedan exemplares físicos á venta. O vicepresidente de Sept, Emilio González, considera que dende entón no tema da lingua consolidáronse máis as sombras que as luces porque «a Igrexa católica galega no apostou polo galego como lingua vehicular».

«A Igrexa galega non apostou polo galego»

«É grave estar mamando o leite en galego e falando con Deus en castelán»

«O galego na liturxia non ten futuro porque, ano tras ano, imos a menos». Con crueza e tristura expresa o seu vaticinio José Pérez Domínguez, o deán da Catedral de Ourense. Fala dende a experiencia pero tamén apoiado nun estudo sociolóxico feito nas parroquias rurais de Ourense no ano 2017 no que se indicaba que en tres de cada catro (o 73 %) non se quería o galego na liturxia, mientres que no 11 % tanto lles daba en galego ou en castelán. Só un 14 % optaba pola lingua propia. «E iso a pesar de que tres cuartas partes da provincia falan galego de seu», apunta. Pérez Domínguez é tan crítico coa desidia dos fregueses á hora de defender o propio como coa actitude dunha Igrexa á que non lle resta responsabilidade na desgaleguización. «É un problema profundo, grave, ter que estar mamando o leite en galego e falando con Deus en castelán, coma se fose estranxeiro», describe. E afonda: «Se o galego queda como unha lingua histórica que falou un conxunto de xente nuns determinados séculos será un gran pecado dos políticos, dos ensinantes e dos curas».

«O galego na liturxia non ten futuro porque vamos a menos»

Panorama complexo ve tamén o cóengo da Catedral de Santiago, Xosé Fernández Lago. «Cando facemos misas en galego a xente non participa nin aínda que lles deamos papeis coas respostas», conta. E aínda que defende que o actual arcebispo, Julián Barrio (nado en Zamora) ten unha moi boa actitude cara o idioma propio —«gústalle optar polo Noso Pai en galego e promove o uso da nosa lingua nas celebracións»—, considera que todos os esforzos chocan aínda cun «complexo ruín» que leva á xente a pensar que «o galego non é para cousas serias». Para Fernández, máis aló da publicación de materiais e documentos en galego, sería preciso «un forte movemento social» para mudar a situación.

«Cando facemos misas en galego a xente non participa»