O curso de lingua de La Voz de Galicia prepara para acadar o Celga 3, que acredita a competencia para poder desenvolverse en contornos nos que o galego é a lingua de uso
27 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Ser bilingüe dá maior plasticidade ao cerebro e chega a protexer contra o seu deterioro, creando unha especie de reserva mental para os últimos anos. O uso de dúas linguas aumenta a capacidade de atención e de coñecemento en cativos e en adultos. E o relativismo lingüístico postula que a lingua modela a nosa realidade. O mundo no que vivimos. Todo, o coñecemento científico. A ciencia galega e a ciencia en galego é o primeiro tema que toca o curso de lingua galega de La Voz de Galicia en colaboración con Política Lingüística, un módulo de aprendizaxe dividido en dez unidades que permite prepararse para superar as probas para obter o certificado Celga 3, que acredita unhas competencias intermedias en lingua galega. É dicir, as persoas que obteñen o Celga 3 son quen de desenvolvérense en contornos nos que o galego é a lingua de uso. Todo, valéndose das novas tecnoloxías e das actividades multimedia para crear un curso ameno e interactivo.
Ao longo de dez unidades, as persoas usuarias poderán non só aprender gramática, expresión oral e escrita e ortografía, senón que tamén terán a oportunidade de achegarse a diferentes aspectos sociais e culturais de Galicia. Se esta semana o tema era a ciencia galega, a vindeira será o momento do mundo deportivo, con especial presenza do fútbol gaélico. Tamén haberá tempo para a literatura, a gastronomía, as paisaxes máis impresionantes, a música, o cine e as artes galegas ou a moda sostible.
Só hai que rexistrarse
Para poder seguir o curso de lingua galega de La Voz hai que ser un usuario rexistrado, para o que só hai que dar un enderezo de correo electrónico, que, ademais, proporciona acceso aos servizos web de La Voz.