«As horas de clase non son suficientes para saber inglés»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Esther Lago é a responsable de márketing da Oxford University Press en España. A editorial vendeu en Galicia máis de 500 exames de probas oficiais para competir con Cambridge

31 oct 2018 . Actualizado a las 14:55 h.

Esther Lago Méndez (Ferrol, 1984) é a responsable de márketing da Oxford University Press para España e onte participou en Ames nunha xornada de traballo sobre a implantación do Oxford Test of English, o novo exame desta universidade para medir o nivel de inglés e competir con Cambridge. A proba de Oxford, cun ano de existencia, tivo en España 8.400 matrículas, das que máis de 500 foron galegas.

-Que distingue o exame de Oxford do de Cambridge?

-A idea da Oxford University Press non era facer un exame clásico. É unha proba en liña, na que a persoa que se examina non ten que preparar nada. É moi fácil, porque aplica un sistema de intelixencia artificial no que as preguntas se van adaptando ás respostas. Comeza cun nivel determinado e se hai fallos vaino baixando ata medir o coñecemento en todos os campos: de lectura, de escrita, e de comprensión.

-E como funciona este sistema de avaliación?

-A persoa que se examina, dependendo do resultado, obtén un título que equivale aos niveis coñecidos como A2, B1 e B2. E ao diferenciar as diferentes habilidades co idioma é mais fácil saber onde hai máis coñecemento e onde hai que mellorar. É unha boa ferramenta para buscar ou atopar traballo, porque hai postos nos que o que máis importa é entender e falar, máis que escribir.

-E cal é o noso nivel medio de inglés? Seguimos estando á cola?

-A xente pensa que o seu coñecemento é menor do que realmente ten. É verdade que o nivel dos españois é menor que o dos demais europeos, pero non tanto como se pensa. A implantación dos plans bilingües está axudando moito, porque agora, cando rematan a ESO, os nenos teñen un nivel ao que hai anos non nos aproximabamos. O bilingüismo axudou moito.

-Aínda así, segue a haber diferenzas. Por que?

-O primeiro problema é que o número de horas de clase non son suficientes para saber inglés. O sistema non é transversal: hai materias que se dan en inglés, pero iso non chega, porque fóra das aulas todo está traducido, como as instrucións de moitas cousas, as series de televisión, o cine. En Portugal non hai traducións e a xente está afeita aos subtítulos, pero aquí é impensable que unha persoa maior vexa unha serie así. Só sería posible se o vas facendo xa de pequeno.

-Os galegos temos vantaxe por falar dous idiomas?

-As persoas que falan varias linguas teñen máis capacidade para asimilar outras, aínda que no noso caso sexan linguas romances. Está claro que o inglés é o idioma da globalización, pero a nivel de coñecemento e de funcionamento do cerebro todos son importantes. Os sistemas educativos teñen que adaptarse a esta situación, dándolle máis importancia ao inglés e no noso caso tamén ao galego, para o que cómpre un pouquiño de impulso.

-Cal foi o seu sistema educativo para fichar pola Oxford University Press?

-Estudei na UDC Administración e Dirección de Empresas, pero o que máis me gustaba era o márketing. Despois de estar en varias empresas conseguín unha bolsa de investigación en Londres, e acabei traballando en márketing educacional. Despois volvín a Madrid, e a Universidade de Oxford contactoume.

-E o dominio do inglés, como o conseguiu?

-Miña nai gastou moitos cartos en clases privadas. Ao principio choraba porque non quería ir, pero, canto máis ía, máis me decataba de que todo o que me gustaba tiña que ver co inglés: a música, vivir en Londres... Cando rematei o bacharelato xa tiña a titulación da escola de idiomas.