Ana Pontón: «Foi un recadeiro do PP de Madrid»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

xoan a. soler

A líder do BNG ve un ecuador da lexislatura cheo de sombras, sen unha soa luz

25 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Afianzada como líder do Bloque dende as pasadas autonómicas, Ana Pontón ve un ecuador da lexislatura cheo de sombras, sen unha soa luz.

-Que balance fai destes dous anos de Feijoo?

-Feijoo é o peor presidente que tivo Galicia. Leva nove anos convertido nun mero recadeiro do PP de Madrid, poñendo ao seu partido por diante dos galegos e das galegas, o que fixo que perdésemos oportunidades, e conduciunos cara á irrelevancia política.

-En que fundamenta esa análise?

-Hoxe temos máis emigración xuvenil, máis paro, peores salarios, peor calidade de vida, peores servizos públicos que cando chegou ao Goberno. Hoxe temos os prezos da luz disparados, pero veta a tarifa eléctrica galega, que reduciría a factura; soportamos a estafa da AP-9, pero deixou que o Estado discriminase a Galicia fronte a Madrid co rescate das radiais; nada fixo por reclamar os 186 millóns que o Estado nos adebeda en dependencia, e aplicou con obediencia cega os recortes en educación e sanidade.

-Revalidou tres maiorías absolutas. En serio que non hai nada salvable?

-Non vexo ningún aspecto que avanzase durante estes anos. Un presidente esgotado, sen ideas, mesmo diría que aburrido de estar aquí. Non houbo nada que mellorase na vida dos galegos e das galegas.

-Que valoración fai do traballo da súa formación nestes dous anos?

-O Bloque fixo o traballo que correspondería a un presidente digno de tal nome, que é defender os intereses de Galicia e dar a cara pola xente e o futuro deste país. Propuxemos un modelo de financiamento xusto que nos permitiría blindar os servizos públicos, dinamizar a economía e crear emprego digno. Levamos a iniciativa para conseguir unha AP-9 galega e sen estafas, para unha tarifa eléctrica que abaratase a factura nun país que exporta electricidade a esgalla, para obter máis recursos na dependencia, para evitar novos atrasos no AVE, para a modernización do ferrocarril.

-Como condicionou a acción parlamentaria o feito de ter só seis deputados?

-Podo dicir que o noso grupo lidera a presentación de iniciativas no Parlamento, levando á Cámara todas as cuestións que lle preocupan realmente á cidadanía deste país, e estamos presentes en todos os debates, con moito traballo e rigor.