Educación e ben común

Silvia García DECANA FAC. BELAS ARTES (UVIGO)

GALICIA

SANDRA ALONSO

07 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non existe xustificación para a barbarie do vandalismo e tampouco temos unha explicación sinxela á man. Podemos achacar os comportamentos inxustificables ás borracheiras ou ás drogas (unha explicación que utilizamos moito, desgraciadamente). Alguén que fai un garabato nunha escultura das Praterías, obviamente, non ten conciencia dos bens artísticos, nin do dano ao patrimonio, nin respecto polo ben común; todo o que adquirimos durante a nosa educación, que non é un ben pasivo que recibimos estando sentados nos pupitres. A educación, sabémolo ben, é un traballo colectivo, e a aprendizaxe prodúcese ao longo de toda a vida.

Temos que aprender a valorar as iniciativas que fan que a rapazada coñeza de verdade a súa contorna, facendo entrevistas aos maiores e aprendendo da cultura oral, aprendendo a respectar a natureza e a paisaxe, tendo curiosidade por todo o que nos arrodea. A consciencia do ben común promovémola entre todos, e o ben común inclúe o patrimonio material e inmaterial.

Para coñecer a nosa contorna existen ferramentas colaborativas, como patrimoniogalego.net, onde un grupo de persoas conseguiron ter máis de 10.000 bens catalogados. Tamén temos algún exemplo de asociacionismo como a FAI, o Fondo Ambiente Italiano, que consegue rehabilitar, restaurar e difundir o patrimonio. Temos que esixir que as institucións traballen coordinadas para a protección dos bens culturais, pero non é só unha tarefa institucional.

O vandalismo non ten que ver coa arte, aínda que algúns artistas traballen coa destrución. O que acaban de facer nas Praterías non ten nin sequera que ver cos graffitis, catalogados como unha forma de vandalismo, cando estes cubrían vagóns enteiros en Nova York. Agora algunhas das persoas que estudaron Belas Artes gañan a vida pintando enormes murais, mesmo algúns son graffiteiros, pero se damos unha volta por Galicia veremos que os graffitis non están na pedra, están en paredes e muros de cemento. Temos que continuar a traballar na educación.