Que queren ser?

GALICIA

Vítor Mejuto

Os máis novos tamén poñen en valor Galicia dende as súas diferentes profesións e estudos

25 jul 2018 . Actualizado a las 13:23 h.

LOIS: «SEXA O QUE SEXA, VÉXOME ESCRIBINDO»

Pode dicir ben alto que a súa segunda obra está a piques de ver a luz. Lois Alcayde xa chamou a atención da cultura galega ao publicar con só 18 anos «Camiños na Sombra». Futuro xornalista, mestura a «paixón polo oficio» coa literatura. Pero non todo é información cultural. Lois non descarta dedicarse á información política. «Os xornalistas somos máis necesarios que nunca. A literatura véxoa maltratada pola Administración. E iso que hai moito talento. As escritoras da miña quinta son moi boas. A literatura fala en feminino. A nosa xeración vai dar moito que falar. Véxome escribindo sexa o que sexa».

CLARA: «SOÑO CON TOCAR NUNHA GRAN ORQUESTRA»

Alina Espiño

Con só 17 anos xa vivía soa. E non preto, senón en Colonia. Clara de Soto, agora con 20 anos, sabía que era o camiño cara ao seu soño musical. «Foi duro, pero aquí hai moitas posibilidades». En Alemaña estuda a carreira de frauta. «Está ao mesmo nivel que a universidade. Algo que non sucede en España. Aínda hai xente que me pregunta que fago». Clara xa participou en concertos e óperas. Tamén impartiu clase nun proxecto solidario en Guatemala. «Ás veces necesito cargar as pilas na casa. Aquí hai moita presión.Aspiro a ter unha praza nunha gran orquestra. Oxalá poida ser en España e preto de Galicia».

SERGIO: «NON CAMBIO ESTE TRABALLO POR NADA»

Os pais de Sergio insistíronlle sempre: «Non traballes co gando», pero os seus desexos puideron máis. Este mozo de Montederramo, que chegou a estudar electricidade, vén de poñer en marcha a súa explotación de Tenreira Galega. «Teño 30 cabezas de gando. Os meus pais, 120. Cando se xubilen quedarei tamén á fronte». Sergio González non descansa ningún día do ano porque «isto é así», pero gustaríalle que os emprendedores rurais estivesen máis apoiados «Hai mozos voltando ao campo. É algo bo, porque aquí cada vez hai menos xente». Os seus amigos marcharon de Suspiazo, pero el «non cambiaría isto por nada».

SOLEDAD: «OS CLIENTES ESÍXENNOS PERFECCIÓN»

Ángel Manso

Sempre quixo traballar en contacto co público e vai camiño de asentarse. Soledad Juega, de 25 anos, estudou no CSHG. Na súa curta carreira na xestión xa pasou por Ámsterdam, Marbella, Eivissa e Benidorm. Agora aplica os coñecementos nos eventos de Árbore da Veira, na Coruña. «Dá moita responsabilidade. Os clientes esixen perfección». Soledad soña con ter o seu propio establecemento, mentres non deixa de fixarse en todos os negocios que visita. «Valórase a profesionalidade. Ademais en Galicia a hostalería é unha referencia. Estamos man a man co País Vasco e imos gañar».

MARTA: «O QUE SINTO NO KART É LIBERDADE»

Marcos Míguez

Na casa de Marta son un equipo. De agarimo e de motor. Iso foi o que a levou con só 12 anos a subir a un kart. «Xa era maior», exclama. Esta campioa prepárase agora para voltar ao circuíto nacional, entre outros, tras un parón de dous anos. «As vitorias son unha recompensa para todos». O seu poderío non evitou que Marta Lago, de 19 anos, sentira a discriminación por ser muller. «Foron os menos dos casos», di, e non a fixeron desistir de querer seguir preto da gasolina. «Gustaríame entrar no mundo dos rallies. Quero facer un ciclo de mecánica e seguir coa carreira de Enxeñaría Mecánica».

 ANA: «TEMOS QUE APOSTAR MÁIS POLO NOSO»

Marcos Míguez

Xa dende moi pequena albiscaba que traballaría para Sargadelos. «Gustábame dende que viña de pequena», conta esta sadense de 24 anos. Con menos de dous anos neste referente da artesanía, aínda se sente aprendendo dos veteranos. «Estou no torno. Un proceso que se fai ao principio para que todo estea perfecto antes de decorar». Ana Lago chegou a traballar con nenos, pero o oficio artesán sempre a chamou. «Todo se renovou, pero mantense a esencia. Véxoo como o futuro, sempre que me queiran aquí», di rindo. «Os galegos deberíamos apostar máis polo propio. E este é un traballo da nosa terra».

ADRIÁN: « REFORCEI A VOCACIÓN NO HOSPITAL» 

Adrián vive unha carreira de fondo. É o que lle toca aos 24 anos tras rematar Medicina na USC. Está a preparar o MIR en Oviedo. «Foi a volta ao cole total». Xornadas maratonianas que o levarán á cirurxía. «A miña vocación foi tardía. Foron problemas de saúde na familia os que me acenderon a luz». A súa experiencia no Chuac só reforzou a súa vocación, pero sente xa a responsabilidade. «Os recortes afectaron á sanidade, pero a calidade asistencial é incrible grazas ao esforzo humano». Antes de recalar nun hospital galego, ten ganas de mundo. «Vou voltar, pero quero saír da zona de confort, coñecer outros ambientes».

FON: «A MODA É UN REFERENTE DE GALICIA» 

C. Rodríguez

Ourensán, da Rúa, Fon Rodríguez está a vivir a súa primeira experiencia lonxe da casa. Vive na Coruña onde se converteu nun deses mozos da primeira promoción da FP Dual. «Sabía que quería estudar un ciclo. Foi importante que tivese tanta práctica. Estamos un ano xa aplicando os coñecementos nas empresas». O outro aliciente foi poder centrarse na moda. «Xa me gustaba. Aínda non sei cal será o meu lugar, pero sempre me tirou moito o artístico. Así que é boa combinación», explica este mozo de 18 anos. Ademais, ve que no sector hai posibilidades de traballo en Galicia. «A moda está a ser un referente. Quero traballar aquí».