A lingua pide paso

maría santalla REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

XOÁN A. SOLER

Un escrito firmado por 3.700 persoas pedía en abril do 68 a introdución do galego no ensino

29 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O 29 de abril de hai 50 anos era luns. Estreábase a semana e desde Galicia saía cara ao Ministerio de Educación en Madrid un escrito con 3.700 firmas ao pé. Un día despois contábao La Voz. Nese documento «se solicita la introducción de la lengua gallega en la enseñanza oficial de Galicia». Os asinantes, contaba a información, eran «hombres y mujeres de todas las condiciones sociales y entre ellos figuran catedráticos de enseñanza media y técnica, un importante núcleo de alumnos de Magisterio, representantes de quince sociedades gallegas de América y escritores tales como Juana de Ibarbourou, Cela, Castroviejo y otros».

Quen recibiu ese escrito nos despachos do ministerio puido ler que os asinantes argumentaban que a maioría da poboación galega tiña por lingua materna o galego, pero recibía educación unicamente en castelán, e que reclamaban, entre outras cousas, que se introducira a materia de galego no ensino primario e medio e que se declarase «bilingüe la Universidad de Santiago». Non hai constancia da resposta a esa petición, pero podemos supoñer que quen a leu en Madrid non estaba afeito a recibir cartas de semellante contido, aínda que, xa o veremos, tampouco era a primeira que chegaba ao ministerio.

Facía referencia o argumentario ás recomendacións da Unesco sobre o emprego de linguas vernáculas no ensino, e seguramente esa posición da Unesco foi decisiva para que, en plena ditadura, agromaran peticións coma a que viu a luz aquel penúltimo día de abril de 1968, peticións coas que o réxime foi en certa medida permisivo.