Xosé Represas: «Non nos plantexamos nin reformar nin derrogar esta medida»

Luis Carlos Llera Llorente
luis carlos llera VIGO / LA VOZ

GALICIA

MIGUEL ESTEVEZ

O rexedor de Ponteareas, do BNG, defende o polémico plus que primará aos que non fallen ao traballo fronte aos «abusos» de agora

11 ago 2017 . Actualizado a las 13:24 h.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, lidera un goberno de coalición do que forman parte BNG, PSOE e A Riada do Tea. Esta semana, o tripartito aprobou un polémico plus de produtividade coa oposición do PP e coa ausencia dos independentes. Despois de varios días de polémica o rexedor aceptou responder a La Voz, pero só a condición de facelo a través dun cuestionario.

-Esperaba a repercusión que tivo a aprobación do plus de produtividade?

-Non, porque é unha repercusión fundamentada nunha mentira, nunha manipulación fraudulenta da información. O PP quere xerar polémica e tapar a investigación xudicial na operación Patos na que están imputados a popular Belén Villar e o exalcalde

Salvador González Solla, cunha clara responsabilidade política da súa actuación corrupta no mandato anterior. A día de hoxe aínda estamos a pagar sentencias e condenas de extraballadores do goberno anterior. Sentencias millonarias con cartos que poderíamos destinar ao crecemento e mellora de Ponteareas.

-No pleno díxose que a medida tería como obxectivo combater o absentismo. Que porcentaxe de ausencias se producen?

-Non temos datos moi representativos de absentismo. Temos máis de 190 traballadores entre funcionarios e laborais que cumpren co seu cometido diario. É certo que hai casos puntuais de abuso que todo o mundo coñece, e precisamente para facer xustiza procedeuse a esta regulación tan necesaria.

-O novo plus prima aos que van traballar nun 70 % mentres que o 30 % da produtividade está en función da dedicación. Non sería mellor que fose ao revés?

-Non é así exactamente. A retribución por produtividade que existe en administracións públicas e en empresas privadas no noso caso concédese por diversos motivos. Os criterios son regrados, obxectivos e controlados publicamente, nin son escuros nin arbitrarios. É a primeira vez que se abre este debate en Ponteareas porque é a primeira vez que se leva a pleno este tema. O señor Solla pagaba baixo corda e agora fai unha interpretación trumpista e fraudulenta do que se aprobou no pleno.

-O plus vano cobrar todos os traballadores municipais?

-Non o van a cobrar todos os traballadores municipais, senón que todos os traballadores municipais terán dereito a percibilo, sempre e cando cumpran cos requisitos derivados da normativa vixente e do regulamento aprobado. Isto supón unha novidade ao respecto do que se veu facendo polos gobernos municipais anteriores, que asignaban as produtividades a dedo, en base a amiguismos e á marxe da lei.

-Agora hai pluses que chegan aos 400 euros ao mes. Díxose que se van a eliminar. Non están consolidados?

-É necesario ir ao tema de fondo, que non é outro que a situación de desastre coa que este goberno municipal se atopou no concello, herdanza de anos e anos de desgoberno e de caciquismo. Cómpre salientar, por exemplo, que no Concello de Ponteareas, segundo reflicten os estudos previos para a elaboración da RPT, os empregados administrativos cobran de media un 25 % menos que os salarios dos convenios privados.

-O comité está a favor da medida porque os traballadores teñen salarios baixos. Non é unha suba encuberta dos soldos sen dar contas a Facenda?

-Remítome á resposta anterior. O asunto non é buscar unha subida encuberta, senón recoñecer o esforzo que están a facer os traballadores municipais a consecuencia das restricións que en materia de persoal se derivan da lei Montoro. E, en calquera caso,

é importante que se saiba que dende que este Goberno municipal asumiu as súas responsabilidades, nos últimos dous anos reduciuse o gasto en persoal de xeito significativo, pasando de 5.259.000 euros a 4.900.000.

-Vostedes sanearon as contas. O Estado segue retendo cartos?

-Neste momento non hai retención. A débeda co Estado rematouse de pagar en decembro do 2016.

-Vostede non cre que se pode menoscabar a imaxe do funcionario? Porque parece que se premia só o feito de non faltar ao traballo...

-Unha cousa é que pareza e outra cousa é que sexa. Como non é certo que o complemento se xere só polo feito de non faltar ao traballo, paréceme que non sería

xusto que se menoscabase a imaxe dos traballadores municipais.

-Plantéxase reformar a medida ou derrogala ante a polémica suscitada?

-É a primeira vez que no Concello de Ponteareas se establece un criterio obxectivo e transparente para o reparto da produtividade, criterio semellante, por certo, ao de outros concellos gobernados polo PP. Xa que logo, non nos plantexamos nin reformar nin derrogar a medida.

-Chama a atención que o seu partido non saia na súa defensa. Por que non o respaldan?

-O meu partido o que fixo foi remitirse a min por tratarse dun asunto do concello, non do partido, o cal non é unha falta de respaldo senón o correcto.