O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago acordou que o que foi xefe de seguridade do ADIF declare en poucos días en condición de investigado polas mortes e lesións que causou o accidente do tren Alvia no verán do 2013. A lei chama investigado ao que, ata hai ben pouco, chamaba imputado. Imputar responsabilidade penal por oitenta homicidios e centos de lesións a alguén que ostenta un cargo de relevo e traballa nun despacho ás veces causa estrañeza. Non en tanto, no décimo artigo do noso Código Penal, está escrito que son delito as accións, pero tamén as omisións penadas pola lei. A modo de referencia común diremos que, se a persoa á quen lle corresponde que os traballadores dunha empresa se desenvolvan con seguridade non facilita os medios axeitados, convértese en autor das lesións que produza un accidente laboral. Cando unha norma atribúe un especial deber de coidado en razón da actividade ou cometido profesional, da competencia técnica, ou mesmo da superioridade física, algo como a desatención dun correo electrónico pode pasar de descoido a delito.
Pero o maxistrado instrutor da causa do Alvia vai máis alá cando valora o que pasou: non se trata de que a Dirección de Seguridade na Circulación do ADIF desatendera o seu deber específico de vixilancia, que o desatendeu, senón que os seus responsables deixaron de observar as normas máis elementais de coidado, as que calquera persoa debe atender nos actos da vida cotiá.
É por iso polo que a omisión, na que puideron incorrer ao quedar no seu despacho e non saír del para a dotar os sistemas de seguridade que eran necesarios para conxurar o risco do que foran advertidos, esa omisión é propia dunha imprudencia grave e non dunha culpa leve. O risco de que un tren de pasaxeiros saia do carril por un exceso de velocidade non advertido non é calquera risco.
De seguro que os responsables de seguridade na circulación non querían o que pasou. O que pasou, o descarrilamento e as súas consecuencias terribles, nin sequera formaba parte do probable. Pero si do posible. E o consentiron, e se deixaron ir, confiados en que non ocorrería. Niso consiste a imprudencia e por iso acertou o maxistrado instrutor do caso Alvia.