José Eirín, culpable del asesinato de Jéssica Méndez en Barro
A RAG publica un adianto dun dicionario coa forma correcta dos apelidos, xa que máis de 300 están deturpados; os rexistros civís disporán deste libro para poder corrixir desviacións
16 feb 2017 . Actualizado a las 00:40 h.«Hai noticias certas de que o día no que un alcalde -de nome para esquecer- pronunciou por primeira vez, nun pleno municipal e espeso, Seijalbo, os seixos brancos das corredoiras da parroquia volvéronse mouros». Isto contaba onte Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega (RAG). A anécdota tamén está recollida no limiar que redactou para o libro Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, que edita a institución e se presentou onte.
«A primeira obriga dun falante é chamar as cousas polo seu nome, polo verdadeiro nome», dicía Montero, mentres Ana Isabel Boullón Agrelo, a coordinadora do traballo publicado, apuntaba [a través dun vídeo enviado desde Londres, onde está facendo un traballo de investigación] que arredor dun 16 % dos apelidos galegos están castelanizados «e afectan a formas moi frecuentes como Romero, que debía ser Romeu, ou Otero, que tería que ser Outeiro».
Idioma instrumental
Lembrou Boullón que o galego como idioma instrumental foi desprazado na escrita desde principios do século XVI e unha das consecuencias, explicou, foi que os nomes propios, tanto os dos lugares coma os das persoas, comezaron a modificarse. No caso dos apelidos, que xa eran hereditarios, o proceso de deturpación alcanzounos de xeito desigual e, malia a esa presión de cinco séculos, calcúlase que a porcentaxe das formas castelanizadas é relativamente baixa, o dito 16%, pero aféctalles a algúns dos apelidos máis frecuentes polo que o seu impacto social é maior. De feito, dos 25 apelidos máis comúns en Galicia catro aparecen na listaxe que recolle este libro da RAG como danados por ese proceso de castelanización: son Iglesias (en galego, Igrexas), Alonso (Afonso), Otero (Outeiro) e Lorenzo (Lourenzo). Noutros a castelanización nótase nas súas grafías.
Para Ana Boullón, integrante do seminario de onomástica da RAG, «tamén se dá o paradoxo de que hai formas que están oficializadas na toponimia, na súa forma normal, e sen embargo nos apelidos están castelanizadas; iso ocorre con moitos microtopónimos como Seijas en vez de Seixas, Abaijón en vez de Abeixón, Montoto en vez de Montouto...». Co obxecto de emendar estes problemas creouse «esta listaxe de 1.500 formas escollidas por orde de frecuencia e que abranguen o 90% da poboación galega», detallou. A publicación desta obra busca facilitar que as persoas «poidan saber de maneira rápida cal é a forma estándar do seu apelido», indicou a especialista. Na relación dos 1.500 apelidos galegos, «as únicas variacións que se fixeron foron de carácter ortográfico, para adaptarse á normativa e a depuración de castelanismos, pero isto se fixo nun número reducido de casos», detallou.
O último apartado do libro recolle máis de 300 exemplos de correspondencia das variantes non estándar coas formas recomendadas.
Fomentar a recuperación
Para Ana Boullón, a iniciativa «debe ir acompañada doutras medidas que fomenten a recuperación dos apelidos tradicionais e que axuden á cidadanía a recuperar a súa forma tradicional». Neste senso, Henrique Monteagudo, secretario da Academia, indicou que na institución reciben «un pingoteo de cidadáns que piden certificacións sobre a forma correcta do seu apelido para presentala nos rexistros civís e galeguizalo».
Pero desde onte, tal e como anunciou o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, na presentación, este libro xa está a disposición dos traballadores da Administración de Xustiza, a través da súa intranet, polo que non será necesario pedir o certificado na RAG para galeguizar o apelido, aínda que a entidade seguirá expedindo esa documentación.
Monteagudo tamén explicou que Ana Boullón está coordinando un proxecto para elaborar un dicionario de apelidos galegos: «Este libriño é unha especie de avance dese dicionario que será máis grande e que conterá información de tipo etimolóxico e histórico lingüístico». Cando esté rematado, asegurou Alonso Montero, «xa non haberá razón ningunha para cometer máis antroponimicidios».