A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias é un tratado promovido polo Consello de Europa que ten como obxectivo a protección desas linguas e das persoas que as falan. Esta Carta contempla tres modalidades de compromiso para os estados que a ratificaron: ofrecer ás familias que o desexaren unha parte da educación, unha parte substancial ou unha liña educativa integramente na lingua minoritaria. En 2001, o goberno presidido por Aznar decidiu que España se acollía á terceira modalidade, a máis esixente. Deste xeito, o Estado obrigábase a garantir unha oferta educativa íntegra en cada unha das linguas cooficiais nos niveis educativos non universitarios. No caso do galego tal compromiso xamais foi cumprido. O Plan de Normalización, aprobado unanimemente polo Parlamento de Galicia en 2004, recollía previsións para facelo efectivo. O Decreto para o bilingüismo aprobado pola Xunta en 2007 constituíu un paso adiante. Pola contra, o Decreto do Plurilingüismo aprobado en 2010 non só supuxo un paso atrás, senón que choca frontalmente con tal compromiso, ao impedir que se ofreza un ensino maioritariamente en lingua galega, obrigando incluso aos centros que o facían a recortar significativamente a súa presenza. Os sucesivos informes dos comités de expertos do Consello de Europa veñen sinalando reiteradamente o incumprimento da Carta en Galicia, obtendo sempre a calada por resposta. Os resultados de tal política están á vista. O IGE ofreceu coa enquisa de 2013 unha evidencia contundente do rápido deterioro da situación do galego precisamente entre a mocidade, o sector da poboación máis directamente mergullado no ámbito educativo. Ante argumentos coma os anteriores, o Supremo responde negando a evidencia. A Academia solicita o amparo do Constitucional e este desenténdese. Acaso existen leis de obrigado cumprimento e outras que as autoridades poden ignorar á vontade? Existen dereitos de primeira de segunda, dependendo dos seus titulares? Houbo un tempo en que os altos Tribunais mostraban vontade de defender os cidadáns fronte os abusos e as arbitrariedades dos poderes. Ese tempo? foise co vento. As leis que nos protexen son papel mollado. Os versos de Alberti (¡Qué dolor de papeles que ha de barrer el viento! / ¡Qué tristeza de tinta que ha de borrar el agua!) fanse triste realidade. E así estamos. Buscando amparo.