Atención psicolóxica especializada e de apoio a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar é o que ofrece o programa Abramos o círculo
10 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Atención psicolóxica especializada e de apoio a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar. É o que ofrece o programa Abramos o círculo do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, programa que comezou no 2001 e que coordina Rubén Villar.
-¿Hai algún impedimento para participar?
-Existen tres niveis de prevención: a primaria é o ámbito educativo, con diferentes labores cos rapaces para previr a violencia. No nivel secundario atoparíamos o programa abramos o círculo, que é cando comezan a aparecer condutas problemáticas pero non chegan a desenvolverse de todo. A terciaria é cando se instaura esta conduta problema, esa violencia, cando se dan denuncias Os homes con condenas teñen uns programas de Institucións Penitenciarias que son obrigatorios.
-Abramos o círculo é para unha situación intermedia.
-Ofrécese atención e terapia a homes que queren aprender a resolver conflitos sen violencia e a comunicarse mellor coa familia e coa parella. Son homes que viven na sociedade e que non teñen medidas ou condenas, pero si perciben que hai unha falta de control ou habilidades á hora de resolver conflitos e que poden chegar a ser violentos. Queren frear esa situación e póñense en contacto con nós.
-E é voluntario.
-Si. Sempre se pide que sexan eles que se poñan en contacto con nós porque buscamos un mínimo de motivación para poder traballar con el. Na primeira chamada recóllense unha serie de datos, entre eles o motivo polo que acude. Poñémonos en contacto cun terapeuta da súa zona e a cita proporciónase en 24 ou 48 horas. Son dez sesións que se poden ampliar a cinco máis e se é necesario outras cinco. Só un de cada dez abandonou o programa no 2014.
-A franxa de idade maioritaria é de 31 a 40 anos.
-Esa é a maioría pero hai xente moi nova, de 18 anos, e tamén temos casos de xente maior, de incluso 74 anos.
-No 2014 atenderon a 76 homes. ¿É un número alto?
-É un número alto pero consideramos que existen moitos máis casos que sería susceptibles pero por diferentes motivos deciden non acudir. Co que estamos vendo hoxe en día deberíamos chegar a moita máis poboación. Moita xente sorpréndese cando voluntariamente hai 76 homes que recoñecen que teñen ese problema e que buscan axuda.