«Estamos dispostos a axudar, pero non lle podemos dicir á xente como comportarse», di Noa Díaz
26 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Noa Díaz é a xerente do pub Ultramarinos de Santiago, que despois de dúas visitas da policía decidiu cancelar a súa programación de concertos. Tamén pertence ao colectivo Compostela Territorio Musical.
-¿Por que esa decisión de suspender a programación?
-O noso problema non é un problema de ruídos, é simplemente por ter programación cultural, non porque emitamos ningún ruído á rúa. Tivemos dúas visitas policiais, as dúas foron en días de concerto por ter concertos, pero fóra non se escoitaba nada. En Santiago o problema que está habendo cos concertos non ten nada que ver co ruído. O problema de ruídos nesta cidade é evidente, pero é un problema de ruído na rúa, non nos locais. ¿Que se non houbera locais non habería ruído na rúa? Pode ser. Pero o problema non son os locais.
-Creo que incluso fixeron unha campaña e colocaron carteis para pedirlle á xente que non faga ruído na rúa.
-Desde a plataforma Compostela Territorio Musical, na que hai asociacións de veciños, locais de hostalería e a asociación Músicos ao Vivo, fixemos esa campaña para axudar a solucionar o problema, para pedirlle á xente que a determinadas horas non se pode facer ruído e para demostrar que estamos dispostos a axudar. Pero moito máis alá non podemos facer, porque nós non somos donos da rúa nin lle podemos dicir á xente cómo ten que comportarse.
-¿Como cren que se podería solucionar o conflito?
-No tema dos concertos a solución pasa por que entre todos cambiemos a normativa, porque a normativa non se adapta á realidade. En Santiago firmouse durante dez anos un convenio co Concello para a programación musical e nunca houbo denuncias. Agora desde o 2013 non se firma, e non sabemos por qué. En canto ao tema dos ruídos, hai moi difícil solución. As campañas de civismo poden axudar, pero a xente que sae pola noite e fai ruído na rúa sabe perfectamente que hai xente descansando. Non é unha solución fácil por moito que intentemos concienciar. Tamén debería implicarse o Concello nesas campañas, porque nós sós con todo non podemos.