A Xustiza nos tempos que corren

Carlos Varela FISCAL SUPERIOR DE GALICIA

GALICIA

01 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Un dos fenómenos máis visibles da socioloxía contemporánea é o crecente protagonismo social da xustiza penal. As investigacións policiais, as actuacións do ministerio público e as sentenzas xudiciais ocupan, con frecuencia, as primeiras páxinas dos xornais, dos noticiarios televisivos e son tema habitual de conversa entre os cidadáns.

O afrouxamento das referencias éticas no exercicio do poder, combinado coas deficiencias dos mecanismos de control e unha infinidade de concursos públicos e de contratacións, que implican avultadas contías de diñeiro público, crearon maiores oportunidades para un aumento dos comportamentos ilícitos relacionados coa corrupción.

A corrupción é, conxuntamente coa criminalidade económico-financeira e co crime organizado ligado sobre todo o narcotráfico e o branqueamento de capitais, a grande criminalidade do noso tempo e coloca a xustiza penal no centro dun complexo problema de control social da legalidade.

Paralelamente teñen xurdido, no noso ámbito, outras áreas de litixios ligadas aos dereitos de terceira xeración, especialmente na área de protección do medio ambiente (Prestige) e na área de protección dos consumidores (participacións preferentes). Estes litixios corresponden a un novo patrón de intervencionismo xudicial, na medida en que existen movementos sociais capaces de mobilizar aos tribunais a través da articulación dunha defensa sistemática ao seu favor.

Na xustiza civil, é posible que un avogado se transforme, el mesmo, nun mecanismo de resolución do litixio, buscando, por exemplo, un acordo entre as partes. Se elo non ocorre ou non tivera éxito, terá que intervir un tribunal. Un mapa xudicial axeitado, que incorpore unha renovada xustiza de proximidade e concentre os recursos dunha oferta xudicial especializada e, ao mesmo tempo, a descentralice en interese de toda a cidadanía, terá dado un gran paso no camiño garantidor da tutela xudicial efectiva. Para percorrer ese camiño compre, naturalmente, unha xustiza gratuíta ou, cando menos, en palabras do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, de taxas proporcionadas.