Ética pública e corrupción

Carlos Varela

GALICIA

23 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A palabra corrupción é usada en diferentes sentidos. Na súa esencia, refírese a un abuso de funcións por parte de cargos públicos, electos ou axentes privados que actúan en beneficio propio ou dun terceiro. Por regra xeral, trátase dun delito en que a vítima non ten rostro. A vítima é o contrato social, a cousa pública e os principios que están na base de calquera comunidade política (igualdade, solidariedade, imparcialidade, transparencia, rendición de contas, legalidade, eficacia, integridade).

Constátase que a maioría da poboación considera como actos corruptos os comportamentos que máis se aproximan á definición penal deste fenómeno, o que deixa unha ampla marxe de tolerancia para toda unha serie de prácticas non reguladas ou de difícil regulación, como os conflitos de intereses, cuñas, amiguismo, favoritismo ou clientelismo, entre outras.

Non entanto, a corrupción non pode ser comprendida exclusivamente a través da análise das infraccións, descubertas e condenadas, á luz de preceptos legais estipulados para o exercicio dun cargo público ou electo. Unha definición puramente legal omitiría todos os comportamentos corruptos que, non implicando necesariamente unha violación da lei, non deixan de constituír unha violación grave dos estándares e expectativas asociadas a un cargo público. Hai comportamentos que non sendo constitutivos de delito resultan eticamente reprobables.

Por iso, unha cuestión que cumpriría aclarar é aquela á que se ven asistindo en relación ás consecuencias derivadas da imputación dun cargo público ou electo. Trátase nomeadamente da obsesiva recondución dos comportamentos políticos aos esixentes parámetros do universo penal para, de entre estes, acollérense ao principio de «presunción de inocencia».

Dito doutro xeito: postos ante situacións acreditadas de violación de elementais regras de corrección no exercicio do deber político-administrativo, a resposta desde o ámbito político é, en moitos casos, a de negar calquera outra actuación, ata que sexa definida a responsabilidade xurídico penal. Sabendo, obviamente, que o ritmo xeralmente lento da xustiza penal tornará case inevitablemente imposible a hipótese de aplicación de calquera outra sanción.

Se o grao de responsabilidade dos diferentes niveis de decisión gobernamental non fora establecido con carácter cautelar previo no ámbito político, aos denunciantes de irregularidades só lles queda un camiño para corrixir e criticar tal comportamento: a responsabilidade xurídico-penal. Vai querer obterse na sala dun tribunal o que non se obtén na area parlamentaria.

A lóxica derivada desta esixencia obrigará á oposición a desgastar aos gobernantes mediante continuas denuncias perante os tribunais, para que a condena penal dun membro do executivo xere o correspondente custo político. Pola súa parte, os gobernantes pretenderán salvagardar a súa posición política en virtude dunha perversa especie de «prexudicialidade penal»: mentres o asunto está dilucidándose nos tribunais non se ten por que asumir responsabilidades políticas.

Así, dende un punto de vista estritamente xurídico, se confunden dous conceptos radicalmente diferentes: a responsabilidade penal, que é subxectiva e que require a fixación nítida e firme dos feitos que conduzan a un convencemento xudicial da culpabilidade, e a responsabilidade política, que inclúe a responsabilidade in vigilando e in eligendo e que tan só require o convencemento político-moral desa culpabilidade.

En suma: esta identificación entre inocencia política e inocencia penal levaría á absurda conclusión de que os responsables políticos poden desempeñar o seu cargo como queiran mentres que as súas condutas non sexan condenadas xudicialmente pola comisión dun delito.