Un dos principais fins da Congapa é o de «promover e defender o dereito que asiste a todos os pais á elección do centro escolar e a que os seus fillos reciban a formación educativa de acordo coas súas propias conviccións». A propia sentenza do TSXG xeradora da polémica respecta «a libre elección de centro [...] polos que adopten un ideario que opta pola educación diferenciada por razón de sexo». Sentada pois esa lexitimidade, o lexislador debe garantir a realidade efectiva da liberdade dos pais mediante o acceso ao concerto, en tanto en canto exista demanda por parte destes. É esa demanda a que debe garantir a posibilidade de financiación pública. O contrario (art.º 84.3 da LOE) é introducir novos atrancos a un dereito á educación que só gozarán na súa plenitude os que dispoñan dos recursos económicos para iso.