A verdade necesaria

Antón Sánchez PARLAMENTARIO DE AGE

GALICIA

12 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Os feitos. Se a rede ferroviaria estivese dotada das medidas de seguridade activas e pasivas asociadas a unha rede de alta velocidade, e que ditas medidas estivesen en funcionamento, o accidente non se tería producido. Queda claro que os sistemas de seguridade que se deberon instalar non se instalaron, e os que se instalaron non se puxeron en funcionamento.

E tamén queda claro que unha rede ferroviaria que os Gobernos da Xunta e do Estado anunciaron e publicitaron como AVE, non era tal. Nin o ancho da vía, nin os trens, nin o conxunto das medidas de seguridade e sinalización (cun custo de 164 millóns de euros) son propios do AVE. E isto non é algo que afirme eu, é o que se confirma día a día cos datos e informacións coñecidas e mesmo recoñecidas polos máximos responsables de ADIF e Renfe. A evidencia e confirmación de tales feitos son as présas na recente instalación parcial de balizas e sinalizacións, tardías e extemporáneas e que, por desgraza, sen efectos retroactivos que poidan paliar a desgraza do día 24 de xullo. As conclusións non poden ser outras que, primeiro, á cidadanía galega déuselle gato por lebre co suposto AVE (independentemente de que esa lebre tivera máis de negocio das grandes construtoras que de rendibilidade social, pero ese é outro debate) e, segundo, que o accidente puido ser evitado.

A pretensión de culpabilizar en exclusiva ao maquinista trata de eludir a evidente responsabilidade, administrativa, civil e tamén penal, dos responsables de Renfe e ADIF, así como dos administradores das concesionarias de mantemento de seguridade e sinalización da rede, cuxa imputación, que estimamos procedente, devirá obrigada cando se coñezan os informes periciais solicitados polo xulgado que leva o caso. A cidadanía galega esixe e precisa coñecer as causas do accidente e o estado real de seguridade da rede ferroviaria galega. Con dito obxectivo AGE propuxo a constitución dunha comisión de investigación no Parlamento, compatible co proceso penal en fase de dilixencias previas e que resulta tan necesaria como xustificada á vista dos feitos.

AGE esixe coñecer a verdade sobre o accidente e a situación real da seguridade da nosa rede ferroviaria, para determinar responsabilidades e responsables e, tamén, para tratar de evitar máis desgrazas. Pola verdade, en memoria das vítimas e como garantía de futuro.

Oxoán a. soler