Temos -e emprego a mantenta a primeira persoa- unha estraña tendencia a menosprezar o máis próximo. De aí as visións negativas e catastrofistas do país. De aí tamén os trazos dramáticos cos que adoitamos deseñar o BNG. E, sen dúbida, Galiza e o BNG teñen problemas. Moitos. Mais non diferentes dos que teñen outras nacións desenvolvidas da periferia europea ou dos que afrontan outras organizacións políticas ás portas dunha cita congresual ou asemblearia. Ensaiemos pois un cambio metodolóxico: comecemos por falar do que o BNG ten de valioso para, só despois, ver de atopar a mellor maneira de solucionar os problemas que ten.
Roto o trato histórico co galeguismo de entreguerras, o nacionalismo galego refundiuse nos anos sesenta do século pasado en dous moldes novos: a UPG e o PSG. Desde aquela estas dúas almas do nacionalismo galego andan -andamos- á procura dunha base estábel para convivir, nun proceso continuo de separación e confluencia. A nosa situación actual explícase tamén como parte deste proceso. Velaquí o primeiro valor do BNG: ser a organización unitaria do nacionalismo galego. A única representación política da nosa vontade nacional, de sermos, como pobo, un suxeito político diferenciado. E isto merece ser preservado.
Mais os valores non deben ocultar os problemas nin impedir que abrolle a vontade de os superar. E o caso é que, social e electoralmente, o BNG experimenta un devalo que dura xa máis de dez anos. E o caso é que, internamente, a convivencia -en parte como consecuencia do anterior- faise tamén de cada vez máis complicada.
Así as cousas, coñecidas as diferenzas entre as partes e asumido que o problema é político, de diverxencias ideolóxicas de fondo, tal vez compense buscar os mínimos que nos unen antes que teimar na clarificación dos posicionamentos que nos afastan. Son da idea de que o que nos une no BNG son, basicamente, tres cousas: que compartimos un proxecto de construción nacional -político, cultural, económico- concretado na aposta por un Estado plurinacional; que compartimos unha visión crítica da actual UE e que apostamos por unha Europa dos pobos, social e democrática. E que, rebelándonos contra a ditadura dos mercados financeiros, traballamos na construción dun outro modelo máis xusto e máis sustentábel. Nin máis nin menos. Comecemos por recoñecer as nosas coincidencias para, sobre elas, construír un novo BNG.
Estamos nunha encrucillada. Nin ficar na mesma nin voltar atrás son opcións neste momento. Todo ao contrario. A nosa historia apréndenos que en situacións semellantes a audacia e o cambio foron os nosos mellores aliados. Cambiemos, melloremos o BNG. E teñamos o valor de facelo entre todos e todas.