A LODE, a Lei Orgánica de Dereito á Educación de 1985, regulou inicialmente a participación dos pais na educación dos seus fillos. Sen embargo, a súa cooperación co centro docente ven sendo un fracaso nos últimos tempos. Nas eleccións a consellos escolares, a participación deste sector da comunidade educativa non sole subir do 10%.
Algo similar ocorre coas asociacións de nais e pais de alumnos. Só un 15% colaboran con elas e máis da metade limítanse a pagar a cota de socio. Fóra destes órganos de colaboración ou goberno, a implicación dos pais tamén é moi baixa. Se os fillos aproban, os pais case que non aparecen pola escola.
As familias tampouco cooperan na resolución dos problemas de disciplina que poidan xurdir, entre outras razóns porque non poden solucionalos no propio fogar. Preto dun 50% delas practican unha educación permisiva, sen normas nin límites, tentando evitar calquera tipo de conflito.
O mestre vese imposibilitado para manter a autoridade na aula, correndo o risco de ameazas e de agresións verbais ou mesmo físicas. A única normativa vixente, o real decreto de 1995 regulador dos dereitos e deberes dos alumnos e das normas de convivencia na escola, está desfasado e resulta inoperante e demagóxico.
Xa que logo, hai que celebrar que o Goberno galego estea a dar os primeiros pasos para a elaboración dun proxecto de lei, anunciado hai meses polo presidente da Xunta. Unha norma que permita, en primeiro lugar, potenciar a responsabilidade dos pais na educación dos fillos. E hai moitas maneiras de participar no proxecto educativo.
Consultas directas
Se non se fai a través dos correspondentes órganos dos centros escolares, que poidan facelo en consultas directas da Administración. É seguro que se esta cumpre, aumentará a súa implicación nas cuestións educativas esenciais.
En segundo lugar, preténdese fortalecer a autoridade do mestre nos centros escolares. Noutras comunidades autónomas mesmo se lle recoñece o rango de autoridade pública, con presunción de veracidade e tipificando como delito as agresións que sufra.