Imaxinen a posibilidade de que non existiran lagoas costeiras en Ferrolterra. Quitemos da paisaxe Doniños, O Xuncal de San Xurxo, A Frouxeira e Pantín; no seu lugar ben podería haber montes como no resto da costa, de outras costas, cos seus campos verdes, as súas terras de labor, lugares con casas, arborado ou estradas. Teriamos daquela unha costa fermosa, pero coma moitas outras. Pero ademais están elas, as lagoas, formadas polos vai e ven das augas, mallando na terra durante amplos tempos xeolóxicos para construír unha asociación singular de auga, area e terra que atrae a mirada. Atrae tamén a unha flora e fauna tan especializadas no fronteirizo que non se dan en calquera parte: algunhas, como as plantas, non abandonan o lugar, mentres outras, coma os insectos ou as aves migradoras, regresan anualmente á súa cita co humidal.
De entre estas lagoas, a da Frouxeira acumula cinco figuras de protección internacional, nacional e autonómica que tan só citar esgotarían este espazo de opinión. Desgraciadamente, dende que en 1992 as 485,23 hectáreas do complexo lagoa e areal de Valdoviño protexéronse baixo o convenio de Ramsar, as sucesivas Administracións autonómicas non fixeron os deberes de estudo e xestión para cumprir coa custodia que lles compete. É tempo dun punto e aparte para que a Xunta aborde en serio a xestión deste espazo protexido e garantir con bases científicas a súa conservación.