O Goberno do bipartito fixo da desmarbellización da costa unha das bandeiras da súa xestión. A prohibición de construír a 500 metros foi unha das mostras.
-Vostedes teñen en marcha un plan do litoral que fixa diferentes áreas de protección, algunhas de 500 metros e outras de menos. ¿Cando saberán os concellos como lles afecta en concreto?
-É cedo aínda para precisar eses datos. O plan vai fixar zonas onde non se poderán levar a cabo actuacións urbanísticas nesa franxa e outras onde vanse establecer cautelas en función da paisaxe e doutras limitacións a consecuencia de leis que son sectoriais. Non podemos dar máis datos porque non está o documento definitivamente pechado.
-Seguindo no mar. ¿Por que os galegos deben resignarse a non ter as súas rías saneadas ata o 2015?
-Agardaremos ate o 2013 para a maior parte das obras e ao 2015 para outras. Isto é inevitable: trátase dun prazo realista. Sabemos que este asunto é unha débeda histórica desta comunidade. A situación das rías mellorou pero aínda queda moito camiño por recorrer...
-Sobre todo porque hai cidades que non depuran os seus residuos...
-Ferrol ou A Coruña son dous casos. Tamén está pendente a depuradora de Vigo. Por iso dicimos que falar de prazos anteriores ao 2015 non é realista e eu non vou a enganar aos cidadáns. Pero na análise da situación das rías convén equilibrar.
-¿A que se refire?
-Pois a que se ben é certo que temos casos que non son de recibo e nos que se verte directamente, como os de Ferrol ou a ría do Burgo, tamén contamos con exemplos ambientais. E mesmo en puntos de rías cunha grande presión poboacional, como Vigo. Aquí se da o paradoxo de que hai unha sanción da UE polo incumprimento da directiva de augas de cría de moluscos e sen embargo nesa ría está unha das melloras praias do mundo, segundo as guías turísticas.