«Presenteime no 2003 cun proxecto para dez anos»

GALICIA

Xoán A. Soler

Quintana pretende revalidar o liderado no BNG cun proxecto plural, máis unitario na acción. E anuncia que dentro de sete anos pedirá ser relevado na organización

21 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Está decidido a cambiar o ritmo vital do BNG e a introducir na organización o estilo e as regras de funcionamento dos partidos de corte clásico. Anxo Quintana (Allariz, 1959) opta á reelección como portavoz nacional do Bloque, na asemblea ou congreso fixado para os días 2 e 3 de decembro. -A asemblea está sen atar, e quedan dez días... -Quizais é bo que sexa así. O BNG é unha organización na que mandan os militantes e así vai seguir sendo. -¿Que se xoga realmente o BNG neste proceso? -Pois aproveitar a inmensa oportunidade que temos para ser a forza política maioritaria, capaz de liderar o país. O nacionalismo galego nunca tivo tanta presenza institucional e social coma hoxe; penso que a debemos aproveitar e esta asemblea debe ser a da madurez organizativa. -Nas citas comarcais previas á asemblea participou un de cada sete militantes. En medios afíns ao BNG dise que moita efervescencia interna non parece haber... -Por iso espero que no estadía final da asemblea haxa maior participación, unha grande mobilización dos militantes para poder consolidar o camiño andado. -¿Que cambiaría vostede no Bloque? -Nós estamos orgullosos do que somos. O BNG é unha organización frentista que se basea na participación dos seus militantes, e así ten que seguir sendo, unha organización plural no pensamento, pero unitaria na acción. O que temos é que dotarnos de instrumentos de participación máis democráticos, máis eficaces; o que se precisa agora é estabilidade, porque o Bloque non se pode permitir o luxo de dilapidar a súa coherencia e unidade en mil voces distintas. -¿Non está tardando ese acordo con Francisco Rodríguez e a UPG para asegurarse a reelección? -Eu vou presentar a miña proposta e para iso vou chamar a todo o mundo. Insisto en que na miña proposta non queda excluído ninguén, agás o que se queira excluír. -¿Fala dunha proposta para canto tempo? -Presenteime no 2003 cun proxecto a dez anos; por certo, o mesmo tempo que estiven na alcaldía de Allariz, e para eses dez anos eu propuña que o BNG se convertese nunha forza maioritaria. Levamos tres anos e penso que vamos no camiño correcto, porque temos moita máis capacidade de chegar á sociedade. -Algúns sectores do BNG critican que se desaproveite a acción do goberno... -Non me constan esas críticas, pero si a valoración positiva entre os votantes do BNG e a sociedade de que a acción de goberno está servindo para derribar moitos muros e para abrir moitas portas que ata agora estaban pechadas para o nacionalismo. Agora ben, eu non vou cometer o erro de caer na autocompracencia, hai cousas que se poden mellorar, como a relación entre o Goberno e a organización. -¿E que fai falla, máis Xunta no BNG ou máis presenza do Bloque na Xunta? -O que fai falla é que teñamos máis paciencia e capacidade para explicarlle a todo o mundo o que queremos facer, porque a acción do BNG no Goberno terá efectos positivos se somos capaces de poñer pobo detrás dela. -¿Achegouse alguén a vostede para felicitalo por facer o mesmo que facía Fraga? -Non, ténseme achegado xente felicitándome por non atribuírlle a Fraga o que son tradicións do pobo galego das que Fraga quixo apropiarse.