No seu corpo líbrase unha batalla que pensa gañar; e quere compartir a súa experiencia cos que loitan no seu bando
04 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Antes de comezar a conversa na cafetería do Hospital Clínico de Santiago, unha muller de negro achégaselle para abrazala con tanta emoción que impresiona: «Eu tamén teño unha irmá aquí. Como dixo vostede en Luar o outro día, hai que ser forte ¡Non sabe o ben que me fai escoitala! ¡Grazas, Ana!» Ana Kiro é a artista inmortal, pero María Dolores Casanova González (A Castañeda-Arzúa, 1942) é a muller que libra unha batalla contra un cancro de ovario que chegou como chegan estas cousas, sen avisar. Ana prefire falar claro e confía en que a súa experiencia sirva, cando menos, de alento para quen loita no seu bando. -Pensei moito se facerlle ou non unha entrevista. A enfermidade é algo tan íntimo... -Non forma parte da intimidade desde o momento en que trascende, e preferino así coa case seguridade de que podía axudar á xente que está coma min e que pensa que, os que cren que temos cartos, podemos permitirnos ir a Houston ou a Madrid para curarnos. Eu podía ir a Houston, pensárono nun principio entre a miña filla e o meu home, pero decidín quedar aquí. -Pois as súas razóns terá... -Manteño unha gran amizade con Hugo Vázquez, o dermatólogo, desde que facía o programa da tele ás tardes. Cando me atopei con esta novidade, estaba totalmente desorientada. Ti escoitas falar do cancro, que o ten fulanita, que o ten citranita, pero cando che toca a ti non sabes que vas facer, que é mellor para un. Entón pregunteille a Hugo: «Hugo, ¿onde vou?». E el respondeu: «Aquí, a Santiago, temos o mellor equipo de oncoloxía de Galicia, sen dúbida ningunha». Por amizade con el e por confianza en el, púxenme nas mans do doutor Rafael López e aquí estou, encantada da vida. -Hai xente que manda correos electrónicos preguntando como está Ana. Trasládollos: ¿Como está? -Moi ben, moi animada, moi valente e moi convencida de que me vou curar. Quizais porque confío nas mans que me levan; porque moitísima xente me mandou estampas da Virxe, cruces, ofrecéronme cantidade de misas en mil lugares... -Iso, os apoios extraterrenais que non faltan... -[Sorrí] Teño todo da miña parte. Eu tamén fun pola vida intentando non facer dano a ninguén, son unha persoa católica, practicante, e teño confianza nos médicos. Hai outra cousa que me anima moito e que sempre me recorda Mari Carmen, a miña filla: nunca fumei, nunca bebín alcohol e teño un organismo san, sempre me coidei moito. -Os artistas son moi dados aos excesos... -Si, pero eu non. ¡Nin saía de discotecas a non ser que tivera que cantar nelas! A proba de que o meu organismo está forte é que, na primeira sesión de quimioterapia, xa se me caeu todo o pelo, fixo efecto, iso é un bo sinal. -A xente vén, dálle abrazos, bicos ¿non chega a agobiar esa presión? -Son demostracións de cariño. O día de Luar, eu vin mulleres e homes chorando, e iso demostra algo. -Hai quen a reivindica como Patrimonio Nacional de Galicia. ¿Considérase así? -Mira, hai notas en Internet, de xente que non coñezo de nada, e que di cousas como «Todos con Ana». Ademais son xente nova, non son da miña música, non me seguían polas romarías, pero, estou segura, escoitaban as miñas cintas nos coches dos seus pais cando eran pequenos. -De toda a súa carreira profesional, a música, a televisión, o ser actriz, ¿con que queda? -Nas romarías vivín moito o contacto directo coa xente, cada romaría era diferente, iso encheume moitísimo. A novidade de facer televisión foi unha meta moi boa para min, non sabía se valería para facer iso. A experiencia como actriz foi menos positiva, non me gustaría repetila. -E unha vez que estea plenamente recuperada ¿que? -A descansar, a facer viaxes coa miña familia, o apoio deles é fundamental. -E, agora, a operarse... -Despois do día 7, posiblemente me baleiren de todo. Logo supoño que terei que seguir coa quimio e a rezar para que non haxa metástase. -Falando con vostede, dáme a impresión de que non é unha desas divas que se afastan da xente, todo o contrario. -Son unha persoa de pobo e gañei moito cariño sendo así; se son diva, a xente non se arrima a min. Estou encantada da vida de non ser diva.