Seriamente preocupada polos problemas de seguridade vial, na fin de semana fai por recuperar o tempo que lle rouba á familia
26 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Criarse no barrio vigués de Coia e ser filla de xente de Lavadores -a «Rusia chica», por iso de que, despois da guerra, esta zona de Vigo era un nido de rojos-, é algo que imprime carácter. María José Caride Estévez (Vigo, 1966) é unha persoa vital que lamenta que o día non teña 30 horas. -¿Hoxe tamén comeu menú do día? -[Ri] Habitualmente vou de menú, excepto cando temos un xantar formal ou convidamos a alguén. Buscamos un menú do día relativamente barato que estea ben. De feito, imos a un sitio onde hai xente variopinta. -Xa sei, onde xoga a partida Caneda... -É un sitio entrañable, está moi ben para non perder o contacto coa realidade [ri]. -¿Non é duro vir a Santiago cada día desde Vigo? -Un pouquiño, pero, se tes unha familia, non a podes mover contigo. -Logo a primeira interesada en que teñamos un bo tren é a conselleira ¿ou? -Sen dúbida, aínda que recoñezo que ser conselleira ten unha avantaxe: que te traen e que te levan. Pero non cabe dúbida de que o tren é un xeito de trasladarse moito máis cómodo. -Das frontes laborais, ¿cal é a que máis lle tira o sono? -[Pensa] Hai un tema fundamental: a seguridade vial. Estamos facendo e mellorando estradas, pero, lamentablemente, convivimos cunhas cifras de accidentalidade e mortalidade tremendamente preocupantes. Aínda que un non debe buscar metas insalvables, o certo é que nós somos os primeiros interesados en mellorar eses datos. Pero é un labor de todos. -A xente adoita botarlle a culpa ás estradas.. -As estradas teñen problemas, pero son cuestións puntuais. En vías que están en perfectas condicións a xente tamén ten accidentes. É un problema moi complicado onde interveñen moitos factores. É un tema que nos preocupa, como tamén a protección do litoral. -Nun goberno, ¿os independentes coma vostede son máis libres para traballar ou menos? -Non sei se os independentes xogamos con avantaxe, pero hai que aprender a conciliar o que che gustaría facer co que cres que é o mellor en cada momento. En calquera caso, recoñezo que, aínda que non teño o carné de ningún partido, síntome absolutamente respaldada pola forza política á que represento. -¿Como é iso de traballar ás ordes de alguén que foi o seu mestre? -[Ri] O que permite é que nos coñezamos mellor. Se non coñecera ao presidente antes, non tería aceptado esta aventura. -¿Quen é máis duro, o mestre ou o presidente? -Non diría duro, pero as situacións son ben diferentes. Sempre me pareceu unha persoa moi xenerosa e moi rigorosa, e esas características as sigue mantendo. -¿Qué tal o «feeling» coa ministra? -Cun ministro, un sempre desexaría ter as mellores relacións. Con Magdalena, o trato é absolutamente cordial, estamos a negociar cuestións absolutamente prioritarias, como a posibilidade de resolver os problemas dos pagos das peaxes que teñen o tráfico preso da AP-9 e, neste caso, a vontade de Magdalena é a de buscar unha solución. Pero no ministerio non só é a ministra, hai moita xente moi próxima a Galicia. -¿Como leva a conciliación entre a vida laboral e a familiar? Creo que os seus fillos lle piden contas... -É o peor. Pregúntanme cousas como: «Mami, ¿no te pondrás mala?» para ver se non vou traballar [ri]. -Nai telefónica... -Non se cubre co teléfono todo o que un querería. Cando saio pola mañá, os nenos quedan durmindo, e cando chego, o pequeno, que ten catro anos, está deitado. Tentamos levalo como podemos, procuro liberar as fins de semana. Coa miña xente teño a conta pendente de chegar máis cedo á casa. -¿E para desconectar? -Sobre todo na casa, cos nenos, teño un xeonllo desfeito de xogar ao fútbol con eles, andamos en bici, patinamos, paseamos... -¿A súa nai exerce de nai de conselleira? -¡Exerce de avoa de fillos de conselleira!, que é un papel absolutamente relevante que ten encomendado, a pobre. O meu home tamén está moi preto deles. -¿Vese pechada nun mosteiro cos outros conselleiros, como facía Fraga? -¡Todo pode chegar! [ri] Véxome máis unha fin de semana descansando coa miña familia nunha casa rural por aí perdida.