A conselleira comprométese a facer unha oferta pública de calidade na etapa de infantil para ter que concertar o menor número posible de colexios privados
08 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Despois dos cen primeiros días de goberno, Laura Sánchez mantén que o compromiso do seu equipo, «aínda que soe manido», segue a ser a educación de calidade. -A medida foi moi ben acollida polo conxunto da sociedade, e o 100% dos centros se adheríronse. Dentro de cada colexio, por poñer unha cifra, ao redor do 99% dos pais o fixeron. É unha iniciativa que chegou a máis de 82.000 familias e ten un contido social importante. -¿Para cando a gratuidade en secundaria? -No curso que vén xa se ampliará a primeiro de ESO, co que contarán coa gratuidade toda a primaria e a metade de secundaria. Como aínda non se aprobou a LOE, que marcará uns novos contidos, imos esperar, e cando estea aprobada inmediatamente ampliaremos a gratuidade. No curso 2007-2008 teriamos todo o ensino obrigatorio cos libros gratis. -Os libreiros quéixanse das súas perdas, ¿articularanse medidas para minimizalas? -Xa está constituída unha mesa de traballo na que tamén están as consellerías de Cultura e Industria. Estamos tentando tomar medidas conxuntas e desde cada consellería en particular. Nós xa temos nos orzamentos un investimento de máis dun millón de euros para un programa de dotación de bibliotecas escolares e animación á lectura. Deste xeito achegámonos aos estándares europeos, porque o número de bibliotecas no Estado é moi baixo en relación con Europa, e tamén se articula unha medida para compensar ao sector do libro. -¿Vaise reducir o número de rutas de transporte? -Estamos facendo un estudo nas delegacións provinciais para ter un estado da situación e tomar medidas, sempre partindo da mellor oferta de calidade e o cumprimento da lexislación. Mesmo nese sentido non seremos estritos, porque a lexislación recolle que o neno pode pasar ata unha hora no autobús, e nós cremos que non debería viaxar máis de media hora. O que ocorre é que hai rutas con moi poucos nenos; entón, aínda que a viaxe se incremente en dez minutos, poderiamos ter unha ruta en lugar de dúas, sempre dentro destes parámetros. -¿Están revisando os concertos educativos cos privados? -Temos un convenio firmado no 2005 e temos que cumprir o firmado, pero imos ser coidadosos no cumprimento da lexislación vixente: que non haxa aulas separadas por sexos, que os centros acepten a nenos inmigrantes, que se atenda á diversidade, que se cumpran as ratios. Na etapa de infantil, de tres a seis anos, estamos preparando a renovación de concertos para o curso que vén, e aí a idea da consellería é ofrecer unha oferta pública e de calidade para ter que concertar o menor número posible dentro desta franxa de idade. Por iso estamos a traballar nunha oferta pública atractiva. -Falouse nalgún momento de que o vindeiro curso se impartan xa o 50% das clases en galego, ¿chegarase a esa porcentaxe? -Hai centros onde xa se supera esa porcentaxe, e temos un compromiso para que se cumpra o plan xeral de normalización, porque foi aprobado por todas as forzas políticas. Pero é importante a motivación, que non sexa unha imposición, asumindo que hai que cumprir a norma. Sinto que hai un avance, pero non daría unha data. -O anterior Goberno anunciara un plan para reducir a conflitividade dos centros, ¿cales son os seus plans? -Temos unha comisión interna na consellería que se está reunindo con distintos colectivos. A idea é ter no primeiro trimestre un plan deseñado pola consellería para a súa aplicación. -¿Aumentou a conflitividade nos colexios galegos? -Os expertos teñen dúbidas de se aumentou a conflitividade ou o número de denuncias. É un problema que antes se sufría pero non se denunciaba. É moi bo poñer o tema enriba da mesa, porque a primeira solución é poder verbalizalo.