O CONTO da leiteira, esa fábula sobre a fraxilidade das aspiracións humanas, ben puido ter ocurrido en Galicia. En realidade, a súa orixe atópase na India. Con outro personaxe, claro, que en cada país ao que chegou a historia se foi transformando no que cadaquén tiña a ben imaxinar, pero que en esencia permanecía igual. A maioría dos contos que limos de cativos ou escoitamos aos nosos maiores repítense en case todas as culturas. É lóxico: coa narración constrúense os pobos e máis ou menos todos soñamos co mesmo, polo que o único que cambian son os detalles. Pero son precisamente as variacións de cada país, de cada lingua, as que enriquecen unha historia ata facer dela un patrimonio propio e universal ao mesmo tempo. Neste recuncho sempre gostamos de contar historias. E de escoitalas. Agoran chegan moitas persoas cargadas de contos, nos que seguramente non nos será moi difícil recoñecernos. A eles seguro que lles facilitará as cousas recoñecerse nos nosos. Só hai que ter a vontade de sentarse e contar. E abrir as orellas para escoitar ben.