«O mundo é dos que pensan que todo se pode facer»

La Voz

GALICIA

Na véspera dos Reis Magos, o máis grande ilusionista de Galicia pídelle ós seus colegas de Oriente un ano de maxia e carbón para poder transformalo nalgo bo

04 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Xantando co mago Antón. -¡Aaaaai! -¿Que pasou? -Nada, que me sacaron unha moa e aínda me doe. O dentista é amigo meu, pero sacoume a que non era. -¡Vaia amigo! -É tremendo, mira o furado, ¿velo? Abre a boca, e nos dentes de embaixo, á dereita, vese un oco grande. -¡Caramba!, ¿quere que lle pida algo para a dor? -Dá igual. -Ben, preguntáballe se algunha vez o pillaron. -Non, agarda. Antón saca unha moa do peto da chaqueta e di que, sendo mago, debería poder resolvelo. Fai un aceno coas mans, achégaas aos beizos e ¡tatatachán!: embaixo, á dereita, onde antes había un oco agora vese unha ringleira perfecta de dentes perfectos. -¡Non pode ser! -Si que pode, ho, ho, ho... -Así que o tipo ese adiviñou de veras o número da lotería de Nadal... -Non, evidentemente non é capaz de facelo, pero si de crear a ilusión de que o fixo. A palabra que mellor nos define é esa: ilusionistas. Somos creadores de ilusións. -Haberá quen diga que é vostede un farsante e quen trate de desenmascaralo. -Dáme igual. Pensa nunha persoa que vai ao cine, que tamén é maxia, e pasa a película pensando nos trucos que utilizou o director para contarlle a historia. Triste, ¿non? Pois nós igual, ademais os magos nunca dicimos como vai acabar a cousa. Os bos magos son moi listos. Teñen unha verborrea florida e nin por un segundo perden o seu obxectivo. Son seguros e cren no que ninguén cre. «Ata os médicos, tan analíticos, caen coma nenos». -¿Vostede impresiónase cos seus colegas? -Si, si, nunha viaxe que fixen no 83 a Estados Unidos con Juan Tamariz e outros magos, eu levando as maletas, case, lembro un espectáculo marabilloso de Siegfried & Roy. Algo asombroso. Facían desaparecer tigres, elefantes, o Roy sentaba nunha cadeira, cubríano cunha tea e, de súpeto, aparecía pequeniño, diminuto. ¡Nun teatro! -¿Que non poden facer? -Nada. O mundo é dos que pensan que todo se pode facer; os que non cren niso viven no mundo, pero o mundo non é deles. «Antón é un mago total», dixo alguén afeccionado a estes contos, «domina a maxia de perto, a baralla, a ventriloquía, as grandes ilusións...». -¿Grandes ilusións? -A maxia clásica de comezos do XX, a levitación, o home-bala, a evasión da camisa de forza, as metamorfoses... -O gran Houdini. -Total, o xenio do escapismo, un home capaz de evadirse de todo; era a maxia do desexo, algo subliminal, todos queremos evadirnos de tantas cousas.... Daquela os espiritistas facían negocio cos mortos e el, cando perdeu á súa nai, retounos a que lle demostraran que podían falar con ela, pero cunha condición: tiñan que deixarlle examinar a sala. E claro, Houdini dominaba todas as técnicas e artiluxios da época e desenmascarou aos farsantes. -¿Con que soña vostede? -Cunha escola de maxia galega. -¿Pídelle algo ós seus colegas de Oriente, ou non lle está permitido? -Si, podo pedir un ano de maxia, ou a solución para facer desaparecer todas as armas do mundo, ou... -Non, un obxecto. -Pois... carbón. Transformalo nalgo bo non representa problema para min. -Parece vostede a térmica das Pontes. -O caso é facer algo bo. Antón é un soñador finxidor, en palabras de Carlos Casares; un galego practicante fillo do druída Merlín. «Son un mago social, quero contar historias para mellorar este país».