!XA ABONDA!

La Voz

GALICIA

A pesca é un sector chave na economía galega. No seu día, o Governo que negociou a integración do Estado español na UE permitíu que o noso sector pesqueiro non se integrase en condicións de igualdade. Aceitou un período transitório e claudicou perante as presións dos estados que temían a unha frota competitiva como a nosa. Os nosos sócios cumpriron dous obxectivos: limitar o acceso dos nosos barcos aos caladoiros comunitários e conseguir, eles si, o acceso franco ao mercado español, que se caracteriza polo alto consumo de peixe. O BNG foi sempre moi crítico coa política pesqueira. Foron outras forzas as que a defenderon como favorábel para os nosos intereses. A realidade á vista está. Galiza sofreu golpes como a Merchant Shipping Act, a Lei de Vínculos, a expulsión das augas da NAFO, o nulo interese político da UE para ter acordos con terceiros países (Marrocos, o último botón de mostra)¿Así, o sector perdeu miles de empregos e mesmo reduciu a frota por enriba das exixéncias dos POP, mentres outros países aumentaban a súa capacidade extractiva. Fortaleza do sector Aínda así, a pesca galega ficou de pé. Non polo amparo do Governo, senón pola súa puxanza, competitividade e capacidade para aproveitar os aspectos bos da PCP. Por iso, Galiza agardaba con interese a reforma e a presidéncia española da UE para poñer fin a tantos anos de discriminación e traumáticas reconversións. Bruxelas xa falou e as súas propostas apontan na direción de sempre: destrución de emprego, desguace e o adiamento da plena integración. Un novo golpe. É o momento de dicer que até aquí chegamos. Toda a sociedade galega debe implicar-se na defesa dun dos seus sectores básicos. Debemos exixir ao Governo que diga alto e claro que non vai aceitar unha reforma da PCP que non sexa equilibrada. Galiza merece un trato distinto. Temos direito a que o Governo defenda os nosos intereses.