«O Bloque non pode seguir utilizando unicamente a técnica da subversión»

ANXO LUGILDE A CORUÑA

GALICIA

Anxo Quintana, próximo coordenador da executiva e novo número dous do BNG O servicio militar impediulle a Anxo Quintana (Allariz 1959) participar na fundación do BNG na xa mítica asemblea de Riazor. Vinte anos despois, a asemblea desta fin de semana na Coruña servirá para o lanzamento do senador Quintana como alternativa de futuro á fronte do nacionalismo, ó converterse no número dous da estructura do BNG. Pouco amigo das estridencias, Quintana evita calquera lectura en clave sucesoria da súa ascensión e centra as súas enerxías en destaca-la importancia da nova liña política do Bloque, agochada polas polémicas internas. «O debate foi intenso e algo desordenado», recoñoce.

22 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A lista de consenso pactada polos principais dirixentes do Bloque garántelle a Quintana a súa elección o domingo como número dous do Bloque cun cargo de nova creación. -A asemblea da Coruña, ¿vai supoñer máis moderación para o BNG? -Non hai que medilo neses termos senón de adecuación ó momento. O BNG fixo unha gran contribución ó país a base de contestar e de resistir ás agresións. Agora ten que seguir mantendo ese carácter pero ten que utiliza-lo seu capital político para ser unha forza de transformación positiva do país. -Nunca escoitei a un dirixente do Bloque admitir que se moderaran. ¿Hai medo? -Medo non. Eu síntome satisfeito cando se me alcuma de moderado. Pero é un termo parcial, porque non explica o proceso do BNG de adecuación as circunstancias. A moderación é un talante pero non un proxecto político. -¿En que se traducirá esa adecuación á realidade? -Non podemos seguir unicamente utilizando en política a técnica da subversión. Temos que contestar con contundencia a todo o que consideramos unha agresión, pero temos que buscar puntos de encontro para dar solucións a problemas aquí e agora e non só nun futuro máis ou menos inmediato. -¿Farase o Bloque máis convencional? -O BNG vai seguir sendo nacionalista. E no escenario da política oficial de hoxe en día unha forza nacionalista nunca será considerada como totalmente homologada. O que non podemos aceptar e que nos boten do escenario. -¿E o diálogo co PP? -É a plasmación institucional desta liña política. Nós temos que reafirma-la nosa perspectiva de oposición no Parlamento galego porque esa foi a misión que nos entregou o pobo galego e facendo un esforzo de encontro naqueles temas que estimemos que existen uns mínimos de puntos de acordo que sería positivo para o país. O diálogo ten que ser un instrumento e non un fin.