CARLOS CASARES / AS ORIXES A radio. A radio mailo café da mañán e o viño do mediodía. Así foi como a nova estendeuse por Xinzo de Limia. Pero sen estridencias. Cando a incredulidade aínda reinaba entre os veciños, no concello limiano as bandeiras baixaban a media hasta, comezaban tres días de loito oficial e os concelleiros decidían darlle celeridade ós trámites para nomear a Carlos Casares fillo predilecto. Todo esto polo que respecta ó pobo de Xinzo de Limia, xa que logo a corporación entende que a figura e obra do escritor merece unha dedicatoria excepcional: O Día das Letras Galegas do 2003.
09 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Nada máis entrar na taberna as palabras que chegan dende un pequeno círculo de clientes sinalan que Carlos Casares aínda podería aparecer pola porta, como no último Entroido. É a constatación da incredulidade. Coma agochada nunha esquina, a taberna do Manolo Meco era unha das paradas obrigadas do escritor no seu barrio de Abaixo. Moitas veces na compaña do seu irmán Javier, Carlos máis seus amigos revivían recordos entre pinga e pinga. Antigas historias, que non vellas, coma as fotografías nas paredes de pedra. Onte, coas emocións do fútbol inda presentes, eses amigos de sempre falaban dun bo home, sobre todo bo. Mentres, as bandeiras a media hasta din que este sábado non será un día calquera. Na vila hai quietude, pero a noticia e os comentarios percíbense nas rúas. Esa mesma tranquilidade chega ata Lamas, ata a casa de Herminio e Francisca. Eles presiden unha pequena sala dende unha antiga fotografía. É a casa dos abós de Carlos, a casa do pai, a casa na que creceu un home de letras, aínda que sobre a cuestión do nacemento non existe un acordo total. Olimpia e Rosa, as curmáns, non acaban de crelo. Olimpia durmía. Despertouna o teléfono cara ás dez da mañá. Era un coñecido que escoitara a radio. A radio que tantas veces acolleu as súas palabras agora viña de anuncia-la súa morte. Rosa fala con tranquilidade pero a súa voz é máis débil a medida que recorda. Olimpia ten unha bágoa permanente. As noites de teatro xunto á lareira, as charlas, os xogos. Son vivencias da nenez. Os anos marcaron logo o camiño de cada quen e xa facía algún tempo que non se vían. A terra de Casares segue viva nos seus contos. A mesma terra que hoxe desexa unha homenaxe especial para o seu veciño excepcional: Un día nas letras galegas do 2003. A Limia, Xinzo, non quere esperar dez anos.