GRAVIDADE

La Voz

GALICIA

OPINIÓN

13 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A Asociación de Pais de Alumnos do Colexio Público Forte-Bragade, de Cesuras (A Coruña), quere amosar a súa máis fonda preocupación diante da grave situación que poñen de manifesto as informacións publicadas onte sobre a detención de dous camellos que utilizaban a menores para vender droga no instituto As Mariñas, de Betanzos. A situación non é nova e remóntase ó momento en que hai cinco anos quedou fixada a Rede de Centros, que, desatendendo as protestas da comunidade escolar e do Concello de Cesuras -entre outros colectivos-, concentrou a tódolos rapaces en Betanzos, moi lonxe do control das familias. Esta asociación, conxuntamente coa APA de Oza dos Ríos, dirixiu o pasado mes de xullo un escrito ó delegado provincial da Consellería de Educación reclamando a modificación da Rede de Centros para podermos contar cun centro integrado en Cesuras que atenda as necesiades da zona. Non tivemos resposta algunha, e queremos insistir na necesidade de retomar esta cuestión á maior brevidade, porque o problema non é só policial, senón de racionalización na distribución dos alumnos en centros escolares nun entorno que garanta o control familiar.