LA VIVIENDA DE LOS GALLEGOS César Portela, Premio Nacional de Arquitectura polo deseño da estación de autobuses de Córdoba Construccións como a futura Cidade da Cultura en Santiago ou como no seu día foron a Domus na Coruña ou o ensanche vigués conlevan sustanciais cambios no urbanismo das principais vilas galegas. Os arquitectos contemporáneos atopánse ante o singular reto de integrar técnicas vangardistas nos conxuntos histórico-artísticos das cidades. Para César Portela, Premio Nacional de Arquitectura no ano 1999, son as institucións públicas as que teñen que amparar esta simbiose e ademais rexe-los novos planos de ordenación municipais. Portela di que «as administracións están na obriga de favorecer o progreso arquitectónico».
20 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.A estación de autobuses de Córdoba, o proxecto da Mazá 14 do Malecón da Habana ou a Facultade de Belas Artes de Pontevedra avalan o traballo de César Portela como urbanista. Nestas construccións, destacan as vangardas arquitectónicas. Os tempos avanzan e cada época esixe os seus propios modelos. _¿Cales son os retos arquitectónicos que suscitan o crecemento das cidades galegas? _Nas cidades galegas distínguense tres partes: o centro histórico, os ensanches de finais do século XIX e principios do XX, e os barrios periféricos que se fixeron nas últimas décadas. Estes son arrepiantes. Esquecen a clave de que as cidades non son só unha acumulación de vivendas, senón tamén uns espacios públicos, que si se atopan nos cascos vellos. Os ensanches mantiveron ese criterio facendo alamedas e xardíns. As partes máis ricas tipoloxicamente son os centros históricos e os ensanches, abandonados ó tempo que se construían as periferias. De aí que estiveran obsoletos e se despoboasen. _¿Como se fai actualmente a planificación urbanística? _Houbo momentos nos que non se lle deu á planificación das cidades a importancia que tiña. Olvidáronse de que as urbes son máis que tráfico. As grandes cidades do mundo son as que teñen uns espacios públicos mellores porque, como dicía Borges, o importante dunha casa é se está no ceo ou no inferno. _¿Que institución debería velar pola planificación? _Está ben que os concellos sexan os responsables, pero teñen que ter a conciencia da importancia da arquitectura dunha cidade. Ó final, se hai un bo deseño tamén hai unha calidade de vida moito mellor para os cidadáns. _¿Que papel deben xogar as administracións públicas? _Hoxe só hai dous tipos de arquitecturas: a que fai a promoción privada e a que fai a Administración pública. Os privados poden perseguir máis resultados económicos que arquitectónicos. A Administración ten a obriga de arriscarse nas experiencias que só as institucións públicas poden levar adiante. As administracións están na obriga de favorecer calquera progreso arquitectónico. _¿Son incomprendidas pola xente as construccións vangardistas como a Domus da Coruña ou o Museo Galego de Arte Contemporánea? _Cada xeración ten que ver o mundo cos seus ollos, non cos dos seus devanceiros, polo tanto é unha obriga ser moderno. Isto non é o mesmo que ser estúpido. O importante das vangardas e que non estean á moda, porque esta é feita para, precisamente, pasar de moda. O importante é construír conxuntos que sexan bos no presente, no pasado e no futuro. O casco histórico de Pontevedra, o entorno da Catedral de Santiago ou o ensanche de Vigo nunca pasarán de moda. _¿É necesario deixar avanzar o tempo para que os veciños asimilen como seus estes novos edificios? _En calquera cidade atopas edificios que no seu momento foron vangardistas. Nós estamos afeitos a ver construccións racionalistas nos ensanches das vilas e os temos asimilados, pero no seu día racharon co que se facía. O barroco e o gótico supuxeron un cambio drástico no seu momento. En tódalas épocas houbo arquitectura de vangarda e dalgún xeito tivo que ser aceptada.