Manu Fernández reforza a medular do Arousa procedente do Puertollano e Iván Varela enfía a saída
FUTBOL GALLEGO
O canteirán do Celta regresa a Galicia tras tres anos no grupo manchego de Tercera
02 ene 2026 . Actualizado a las 16:18 h.O Arousa precisa máis carne na grella. A lo menos é o que se desprende do terceiro posto no que despediu o 2025, a 1 punto do Racing Vilalbés, pero o que resulta máis preocupante, a nada menos ca 9 dunha SD Compostela que avanza líder destacado sen coñecer a derrota con dez vitorias e cinco empates. Logo de incorporar o mediapunta sénior de primeiro ano Yoel Crespo días antes do parón polo Nadal procedente da UD Ourense, o club vilagarcián anunciou este venres, primeiro día da apertura do mercado de inverno do fútbol profesional, a contratación do vigués Manu Fernández (2 de marzo do 2003).
Xogador con capacidade para desenvolverse con soltura tanto no centro da zaga coma no medio do campo, Manu Fernández formouse na canteira do Celta de Vigo, onde coñeceu o seu novo adestrador, Gonza. Nas súas tres primeiras tempadas coma futbolista sénior, o novo futbolista do Arousa foi protagonista no sexto posto do Celta C-Gran Peña na Tercera RFEF no curso 2022/23, sendo titular nos 29 partidos nos que foi convocado sumando 2.497 minutos na Liga. Sen cambiar de categoría, os dous anos seguintes triunfou nun Atlético Albacete no que desembarcou animado pola presenza inicial de Rubén Albés no banco do primeiro equipo do club. Noveno clasificado do grupo de Castilla-La Mancha nun primeiro ano no que saíu da cara en 29 dos 33 partidos nos que foi convocado, con 2.560 minutos no campo, Manu Fernández consolidouse a pasada campaña coma un dos fixos no equipo que finalizou a Liga subcampión, titular nos 28 partidos nos que entrou na lista do seu adestrador, xogando 2.302 minutos. Esta tempada, pola contra, tan só levaba 128 minutos no seu novo equipo, o CS Puertollano, cuarto clasificado un posto por riba do Atlético Albacete.
«É un xogador, sobre todo, polivalente e dinámico, con enerxía. Quería achegarse á casa, e vén con ilusión. Unha vez que falamos con el, foi quen de rescindir co Puertollano», salienta o director deportivo do Arousa, David López, Perú.
Inda que o de central sexa o posto con maior escaseza de efectivos no equipo arlequinado, Perú adianta a intención de Gonza de contar con Manu Fernández como peza para o dobre pivote no centro do campo.
Inminente saída de Iván Varela
Co mercado reactivándose desde este venres, o director deportivo do Arousa afirma que o club vilagarcián non está a buscar neste preciso momento máis efectivos, e que o seguinte movemento apunta á saída de Iván Varela. O lateral dereito, que este verán subía ao primeiro equipo desde o División Honor Juvenil do club tras completar a súa etapa de formación, está moi preto de pechar novo destino en forma de cesión, a fin de dispoñer dos minutos dos que non goza no Arousa, onde tan só leva xogados 267, con Carlos Torrado por diante del.
Con todo, Perú sinala estar moi atento aos movementos do mercado, principalmente, di, polo que poida pasar: «Co cambio de normativa, podendo os xogadores cambiar de equipo na mesma categoría inda tendo xogado xa oito partidos co equipo polo que ficharan no verán, pode pasarnos ter que facer coma nas categorías profesionais, nas que se che sacan un xogador comeza unha cadea que che obriga a buscar outro para o seu sitio. Estamos atentos por se temos que reaccionar a unha situación así, porque creo que o cambio na normativa vai xerar máis movemento no mercado respecto aos outros anos», conclúe.