O algoritmo ofréceme a miúdo un fragmento dunha célebre entrevista a Julio Cortázar, o diálogo que mantivo en 1977 con Joaquín Soler Serrano no programa A fondo, de Televisión Española. Son tres minutos nos que o escritor arxentino reflexiona sobre a súa condición de solitario e confesa unha esgazadura interior fronte ao mundo. Non hai dramatismo nin afectación no que conta. Ao contrario, advírtese un fondo vitalismo no seu desexo habitual de estar só, unha natureza que non entra en contradición co coidado dun selecto grupo de amizades. Sen soidade voluntaria non hai escrita nin lectura. Sen un divorcio periódico da realidade para encerrarnos no noso propio silencio, non hai arte nin reflexión. Leo estes días que os últimos estudos sociolóxicos ao respecto amosan un forte incremento da soidade non desexada, en especial entre os rapaces. A gravidade do asunto explícase polo exceso de pantallas e polas dificultades emocionais propias da idade, acrecentadas pola tendencia á comparación constante que promoven ata a asfixia as redes sociais. Pero tampouco escapamos ao problema as xeracións posteriores, nas que tamén se observa unha notable sensación de illamento non buscado, un efecto que se acentúa a medida que pasan os anos e resulta que a vida vai en serio. Resulta imposible defenderse da vertente máis salvaxe da soidade, esa sequidade no ceo da boca que procede da desaparición dun ser querido ou dunha ruptura sentimental que nos envía á esquina dos castigados. A día de hoxe non se inventaron receitas efectivas para atravesar eses desertos sen caer abatidos nalgún treito, coa pel en carne viva. Con todo, para compensar tantos encarnizamentos, a soidade ofrécenos tamén esoutra faciana cortazariana, consciente de proceder dalgún desarranxo interno, pero máis lixeira e respirable: a soidade dos que atopan unha dirección cun libro nas mans ou cunha melodía na cabeza. Malia estar gozando da compañía de grandes amigos, sempre había un momento en todas as reunións no que o escritor devecía por estar só na súa casa escoitando a Charlie Parker ou volvendo aos poemas de John Keats. Gañamos así Casa tomada, Continuidad de los parques ou El perseguidor. E algo case aínda mellor: entender que con esa soidade voluntaria, sentado ante a máquina de escribir, estaba perfeccionando unha blindaxe. Unha armadura coa que protexerse cando lle tocase atravesar un deserto.