Xuño e o pergamiño Vindel

Mercedes Corbillón

FUGAS

O chamado pergamiño Vindel recolle as cantigas de Martín Códax
O chamado pergamiño Vindel recolle as cantigas de Martín Códax Óscar Vázquez

Amar os días de xuño, ese si é un voto que se pode obedecer. Adorar o sol que domina as horas, consagrarse aos ceos que se encarnan antes de entregarse á noite, reverenciar as criaturas que rompen o silencio da madrugada. Xuño é alegría premonitoria, soños que se poden cumprir, esperanzas abríndose nos patios como as flores dos xeranios. Xuño é o momento perfecto do verán porque aínda garda unha promesa, que se dean os tomates ou que se abran as portas de todas as festas. O verán será logo ese animal que sucede e remata ao mesmo tempo, deseguida o refresco quedará pastoso no fondo do vaso e seremos como esa mosca atrapada buscando o doce. Pero agora estamos en xuño e todo é posible, agromar como as plantas das xudías na horta da nai, crecer como os días, chegar a C. as dez da noite e que aínda non sexa ocaso, só un horizonte rosa marcando o compás da existencia. Sempre ao oeste. Iso penso cando enfilo a entrada do pobo que se desliza cara abaixo. Tender ao océano é unha maneira de tender ao infinito.

Na radio alguén canta unha das sete cantigas de Martín Códax. Ás veces a beleza conxúgase para acompasarse. Mirando ao mar, aínda que non sexa de Vigo, unha tende a soñar con amados que non existen. Amar ei amar ei. Non sei en que estación estaría Vindel cando atopou o pergamiño famoso. Que historia esa máis marabillosa. Un home que de neno non sabía ler, que fuxiu dun padrasto colérico cara a capital e alí encontrou as palabras, os libros e o coleccionismo. A maneira de ganarse a vida. Faenando cun exemplar doutro século encontrou as follas coa música e as letras do trobador. Forraban un libro coa tradución dun texto de Cicerón. O papel é caro e a palabra escrita mantén a memoria. Os seus fillos herdaron o negocio dos pais. Busco unha biografía do libreiro. Existe, pero non a encontro. Si un catálogo de 1918 de libros raros que se ofrecían na casa de Pedro Vindel fillo. Escríbolle ao libreiro que o vende. Os correos que nos cruzamos parecen cartas decimonónicas. Pertencemos a un mundo que case non existe. Fágolle unha transferencia e dígolle que non se apure, que non teño presa. Prefiro alargar as promesas, como xuño.