O trevo de catro follas recolle o diario escrito por María Duro durante a súa enfermidade, a pedimento da psicóloga do hospital onde se somete a un tratamento de quimioterapia
19 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hai xa quince anos Faktoría K acolleu e impulsou un proxecto da profesora finlandesa Jarna Piippo, que tiven a fortuna de apoiar como cotradutor, consistente en verter ao galego e ao castelán un título que en Finlandia fóra un éxito de vendas. Tal era Semanas, meses, de Reko e Tina Lundán: unha proposta escrita a xeito de diario enfrontado durante a enfermidade que conduciu a Reko ao seu falecemento sendo moi novo. Acollido con discreción naquel momento talvez sexa xa un título fóra de catálogo. O traballo que me ocupou no devandito libro, con páxinas marcadas por un evidente e cruel realismo, explica en min, se cadra, certa tendencia á escolla de títulos que exploran estes asuntos ou outros próximos, como O ano do pensamento máxico de Joan Didion ou diferentes propostas entre as que saliento algún título de Julian Barnes ou de Paula Cheshire, por exemplo. Valla este limiar para referirme a este O trevo de catro follas no que se recolle o diario escrito por María Duro durante a súa enfermidade, a pedimento da psicóloga do hospital onde se somete a un tratamento de quimioterapia. Velaí, así pois, un diálogo no que o seu marido, Daniel Ugarte, se achega aos cadernos de Duro, creados desde unha instancia inequivocamente literaria pois de feito ían destinarse a ser un diario de lecturas. Deste xeito, as páxinas escritas por ela convértense nun recoñecemento póstumo que goza do contrapunto de Ugarte, que contextualiza e matiza ás veces o comentado pola súa esposa como recurso operativo para, alén de evocar o proceso da enfermidade, proxectarse noutros asuntos e, abofé, intentar pasar o dó. Por estas páxinas atravesan as esperanzas, o amor e as expectativas depositadas nun futuro cheo de incertezas, mais tamén a realidade que significa a morte e as transformacións que esta impón. Un texto, polo demais, dono dun pulso propio, tanto na voz de Duro como na de Ugarte que, ademais e de maneira infrecuente, dá nome a un galardón literario que distingue unha obra editada en lingua galega, dentro dun período anual, abrazando o criterio da excelencia e que xa premiou na súa primeira convocatoria o título Contrabiografía de Xavier López.