Traballos de portas a dentro

FUGAS

A poeta Alejandra Pizarnik.
A poeta Alejandra Pizarnik.

Fracaso a miúdo na intención de non facer nada. Téntoo por multitude de frontes, pero non hai maneira. Ocorre unha desas tardes sen imperativos urxentes, á hora en que grupos de xirafas rebrincan pola sabana africana nun documental de La 2. Permanezo uns segundos en branco, confiado ante a perspectiva do baleiro, coa esperanza quietista dun Miguel de Molinos, e axiña me asaltan os infernos da produtividade. Unha sensación de obriga sen obxectivos claros, un estado de alerta viscoso, inquietudes difusas. Un remexer constante. Sento diante do ordenador, non sei moi ben con que propósito, e vexo fragmentos dunha entrevista a Mariana Enríquez onde defende —consello para escritores e poboación en xeral— a necesidade periódica de non facer nada. O exercicio da divagación como vía de acceso ao benestar, a arte de aplicarse con esmero nos tempos mortos. Observo tamén os meus gatos abandonados por sistema á molicie, estomballados onde lles cadra, e envexo o poder desa preguiza sen remordemento que lles concedeu a xenética. Esa ausencia de actividade coa que defenden a morte as formulacións de Paul Lafargue. Outros, rendidos á autoexplotación dende xa non lembramos cando, xamais o conseguimos. Sempre están aí, detrás da porta, os ruídos dalgún cometido en flor. Convidáronme semanas atrás a un compromiso que rexeitei inventando outro ao que debía acudir á mesma hora, consciente do mal lugar en que me deixaría confesar que ambicionaba, naquela franxa do día, non facer absolutamente nada. Por suposto, fracasei. Quedei na casa coa idea dun suave apagamento e resulta que mo impediron, unha vez máis, os gases tóxicos da época: pantallas, absurdas tarefas autoimpostas, pensamentos anticipatorios, excitacións non localizadas. Hai un poema de Alejandra Pizarnik que di: «El viento muere en mi herida. / La noche mendiga mi sangre». Titulouno Nada. Tenteino outra vez estes días, iso de non facer nada, e de novo tiven que admitir unha derrota estrepitosa. Era noite, non había vento, tampouco sangue nin feridas. Todo conspiraba ao meu favor. Para non facer nada, quero dicir. Pero fun incapaz. Enseguida me lanzaría a executar algo ao que non souben adxudicarlle unha finalidade: un traballo torácico de poleas imprecisas, unha ocupación devoradora, unha angueira de portas a dentro. Estaba moi lonxe. Lonxe dese lugar baleiro, sen eco ningún, onde xa non cómpre dobregarse ante nada.