O Emigrasón é hoxe data e un punto de encontro de referencia para toda a comunidade galega de Centroeuropa
27 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Baiuca, The Rapants, Ortiga, Sabela, 9Louro, Fer, Paloma Paloma, Duendeneta Dilleis e o grupo de gaitas da Irmandade Galega de Suíza. Tremendo cartel para un festival de música 100 % en galego. O paradoxal do caso é que o festival non se celebra en Galicia, senón en Bruxelas. É o Emigrasón, que esta fin de semana celebra a súa cuarta edición.
Tras a iniciativa están seis rapaces e rapazas de entre 28 e 32 anos que marcharon de Galicia para traballar na capital belga. Non hai neles máis afán que o de «crear un espazo para socializar como facemos en Galicia cando volvemos de vacacións ou cando viviamos alí», comenta Karan Novo, un dos organizadores do Emigrasón. Partindo sempre dende a premisa de «facer un festival ao que nós quereriamos ir».
Con só catro edicións, ese obxectivo está máis que cumprido.O Emigrasón é hoxe data e un punto de encontro de referencia para toda a comunidade galega de Centroeuropa. «A rapaza galega que está en Noruega traballando e a súa amiga que estuda en Amsterdam quedan aquí. Ou dous colegas que están facendo o doutorado, un en Alemaña e outro en Francia, pois cítanse aquí tamén. Hai que pensar que a xente que vive fóra de Galicia recibe o festival dun xeito moi especial porque eles só teñen unha oportunidade ao ano, ou cada dous, para poder ver a estes grupos».
Pero é que ademais da colonia galega na diáspora, o Emigrasón conseguiu atraer a unha notable cantidade de público que se despraza dende Galicia e a público da capital belga. «Este ano hai un terzo de persoas que veñen dende Galicia, que é unha loucura; un terzo de galegos que viven na diáspora, e un terzo de público internacional que vive en Bruxelas, que igual coñecen a algún artista ou que viñeron o ano pasado arrastrados por un amigo galego e volven vir porque lles gustou. En total, temos entradas vendidas en 15 países», comenta Karan.
En só catro anos o festival medrou dun xeito exponencial. Dunha sala de concertos para 300 persoas pasou a unha de 700 e de aí a La Madeleine, con capacidade para máis de 2.000. Este ano, como novidade, hai dous días de concertos: venres e sábado. «Fixémolo así para poder traer non só a os catro grupos consagrados senón tamén darlle a posibilidade a artistas galegos emerxentes».
Pese a este crecemento, o Emigrasón mantense absolutamente fiel á súa esencia, baseada en propiciar comunidade. «É un festival diferente que tamén atrae aos artistas polas dinámicas que xera convivir aquí catro días. Normalmente, nos festivais, os artistas coinciden no backstage un par de horas e listo. Pero aquí, dende o xoves que se sae de Galicia ata o domingo que se volve, convivimos os catro días a organización, os artistas, os seus equipos, xornalistas, patrocinadores e creadores de contido. Nese sentido, cremos que é algo único», comenta Karan.
O Emigrasón é o reflexo da nova diáspora galega, que pouco ten que ver con aqueles fluxos migratorios de hai décadas. Os seus artífices son persoas que se criaron e formaron en Galicia e que se esforzan en manter e compartir as súas inquedanzas culturais e identitarias na súa nova residencia. O festival Emigrasón é a máxima e máis fermosa expresión desa vontade.