Xisco Feijóo: «A música tradicional xa non se da só no seu medio natural»

FUGAS

No seu novo proxecto, o artista propón un diálogo entre a linguaxe da tradición musical galega e unha orquestra de cámara. «Xisco Sinfónico» estrease o sábado día 21 en Narón

13 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é Xisco Feijóo peixe que se deixe levar pola corrente. Se cadra por iso, agora que boa parte do tradi mira cara a electrónica el pon a súa ollada no sinfónico. Xisco Sinfónico, o novo proxecto do artista, que se estrea o sábado 21 no pazo da Cultura de Narón, é unha creación contemporánea de raíz, na que a súa voz e a linguaxe da tradición dialogan cunha orquestra de cámara. O repertorio, arranxado por Juan Eiras, inclúe música inédita composta especificamente para este proxecto e tamén temas do seu disco Peixe, adaptados a esta nova arquitectura sonora. Ademais da orquestra de Valga, no escenario tamén estarán as Pandeireteiras Sadeo e o grupo local Alxibeira. «Eu ata o momento o que fixen na miña vida foi dedicarme á recuperación de música tradicional e á súa transmisión tal cal saía directamente das fontes, das informantes. Posteriormente dinlle unha pequena virada intentando facer un repertorio máis folk, mesturándoa con instrumentos máis contemporáneos. E agora apeteceume intentalo facer mesturado cunha orquestra de cámara. Simplemente por aquilo de ir un pouquiño aos extremos», explica.

—Agora que o que se leva é a mestura do tradicional coa electrónica, vostede bótase ao sinfónico.

—É unha rebeldía que ao mellor está no meu subconsciente, non o sei. É certo que hai moita xente mesturando, e moi ben, a música de raíz coa electrónica pero a min era algo que non me apetecía facer. Gústame desfrutalo doutros artistas pero para como eu sinto a música tradicional non é algo que me convenza en exceso.

—Onde van estar as principais diferencias en canto ao son?

—Nas sonoridades e nas tímbricas. É incrible a forza que acada a música tradicional grazas aos instrumentos de corda dunha orquestra de cámara. Non é unha forza maior, pero si diferente.

—Que cre que van dicir disto os puristas, tanto dun xénero como do outro?

—Oxalá teñan moitísimo que dicir. Sexa bo ou malo. Ao final, a facer este tipo de cousas eu chámolle facer unha obra social, e se das que falar, das entretemento.

—Vaise poder bailar?

—Perfectamente. A esencia tradicional e as estruturas de ritmos bailables van estar presentes en todo momento.

—Levar a música tradicional a estes contextos dignifícaa aínda máis? No sentido de que moitas veces aínda se asocian as músicas de raíz só cos torreiros ou coas foliadas.

—A min a palabra dignificar nunca me gustou porque creo que a nosa música tradicional xa é digna de seu. Pero si é certo que metela en contextos nos que non estivo ou non se lle deu a posibilidade de estar é unha maneira de levala a todas partes, que realmente é a onde debe chegar a nosa música de raíz.

—Vostede traballou moitos anos na trastenda da música tradicional sendo unha persoa respectadísima. Cambia o conto cando un salta á primeira liña da fronte?

—En parte si que cambia, si. Es máis observado, máis xulgado e máis criticado, tanto construtiva como destrutivamente. Aínda así eu nunca deixei de sachar no campo nin abandonei as outras miñas liñas de actuación. E creo que iso foi o que me salvou. Din un paso adiante cara o pisos superiores, pero non deixei de visitar os pisos intermedios.

—Xa hai catro anos e medio que publicou «Peixe». Cumpriu ese disco as expectativas?

—Para min, persoalmente, si. Pero as expectativas profesionais é difícil cumprilas se só pensas na música e no escenario. No meu caso, compleméntoas coa docencia e con intervencións noutros proxectos máis pequenos, porque en Galicia o mercado aínda non está moi preparado para alimentar familias só coa música. E menos cunha música que, aínda que creceu moito, segue sendo minoritaria.

—Que lle deu «Peixe»?

—Gañei moitas cousas. Gañei un cambio de rumbo de vida, moitísima experiencia e tamén a sensación no corpo de ter feito un traballo que englobaba moitísimas cousas que eu quería expresar dende había case 50 anos. Agora ás veces penso: «Terei que esperar outros 50 para encher un segundo disco?». Posiblemente non, pero teño que recargar para volver a tomar as rendas dun segundo traballo que pague a pena despois dese primeiro.

—Había certo medo a que o que está a pasar coa música tradicional quedase nun fenómeno pasaxeiro pero xa pasaron uns cantos anos e semella que non deixa de medrar. Como ve o futuro?

—Non sei moi ben que contestar. Eu estou nunha liña, digamos, moderada. Non son deses artistas que multiplicaron por moito a súa actividade, que teñen cen bolos nun ano ou cousas así. O que si sei é que na rúa hai cada vez máis xente que quere da nosa música e do noso baile tradicional. De feito, unha das grandes beneficiadas deste bum foron as asociacións culturais que imparten pandeireta, canto, gaita e baile tradicional. Cónstame que están vivindo unha época dourada cunha matriculación brutal, o cal é bo para todo o sector, porque estás xerando público. Entón, creo que o momento é doce pero agora é responsabilidade de todos manter isto.

—Fíxose moito pola música tradicional galega pero, que queda por facer?

—Sempre queda por facer. Hai que loitar por que siga viva, por non deixala morrer. E tamén aceptar que a música tradicional xa non se dá só no que era o seu medio natural. A nosa música e o noso baile tradicional tivo o seu lugar de ser en pallotes e en cortes de vacas nas aldeas, pero a xente xa non vive neses medios. Case todo o mundo marchou para as vilas e, por ende, a música sofre as súas evolucións naturais para a adaptarse a esas novas xeracións, a eses novos espazos, novos músicos e novos instrumentos. E a todo iso o que hai que facer é darlle pulo e abrazalo como unha evolución máis e como unha posibilidade de supervivencia. Como unha adaptación ao medio.

—As foliadas estanse a converter nos novos festivais?

—Totalmente. Están saídas de madre, por dicilo dalgunha maneira.

—Iso é bo ou pode provocar que se perda a súa esencia?

—Hai prazas para todo. Hai foliadas que respectan moito os formalismos máis puros e outras máis propicias ao desmadre. Hai furanchadas por barrios en catro baixos con gaiteiros e hai foliadas que empezaron sendo por catro bares e que agora ocupan a vila enteira con dúas carpas para concertos. E iso sempre é bo.

—Queda aínda algo por recoller?

—Queda sempre moitísimo por recoller. En Castela estanse facendo traballos de recuperación a fillos e a netos do que recordan dos seus avós e estanse sacando cousas marabillosas. Iso é algo que tamén se pode facer en Galicia, aínda que aquí temos a sorte de que aínda quedan informantes que o viviron de primeira man. Tamén queda por facer moito estudo de arquivos públicos e privados. Sempre hai traballos que facer para atopar 2, 3, 4 ou 400 datos que che abran unha nova idea na cabeza.

—Que estudarán os musicólogos de dentro de 50 anos do que lle deixamos nós?

—Non teño nin idea (ri). Pero non poder contestar esta pregunta tamén ten a súa parte de fermosura. Deixemos que o tempo chegue e xa se verá. A cuestión é que eses arquivos dentro 50 anos estean dispoñibles.

—Por certo, como van ir vestidos en «Xisco Sinfónico»?

—Moi guapos e moi guapas. Ante todo, elegancia. Despeinados pero estudiados. Pero iso, case mellor convídovos a que veñades e que o vexades.