Mecenas de dúas editoriais, das Irmandades da Fala e das Escolas de Insiño Galego, foi a única muller na comisión que levou o Estatuto do 36 a Madrid
29 ene 2026 . Actualizado a las 11:45 h.As súas mans pequenas, brancas e delicadas son o centro desta vella fotografía que a historia non conseguiu borrar. E non foi porque non o tentase. Muller, republicana e exiliada, a modista María Miramontes Matos foi silenciada e esquecida malia que coa súa agulla teceu e axudou a que se tecesen os mellores libros dos anos vinte e trinta do século pasado no noso país. Tiramos dun finísimo fío para desenvolver como a filla duns xornaleiros de Bergondo acaba sendo mecenas das editoriais Lar e Nós, das Irmandades de Fala e das Escolas de Insiño Galego, e a única muller na comisión que levou a Madrid o Estatuto de Autonomía de 1936 para a súa tramitación final nas Cortes. «Sempre me impresionou moito porque as poucas fotos que se coñecían dela amosaban unha serenidade incrible no seu ollar», recoñece a historiadora e feminista Encarna Otero, quen, nos anos oitenta, empezou a pescudar e reconstruír a biografía desta pioneira como figura salientable da nosa cultura.
Nace o 6 de abril de 1895 na parroquia de Santa María de Guísamo, pero un lustro máis tarde os seus pais, Antonia e Vicente, deciden marchar para A Coruña co afán de darlle un futuro mellor. Aos 11 anos, entra como aprendiza nun obradoiro de costura, algo moi habitual daquela. «Non só era modista, senón tamén profesora de corte e confección. Onde cosía, tamén daba aulas. Era unha gran profesional», engade Otero. A rapaza medra, frecuenta os ambientes galeguistas e nacionalistas da cidade herculina, empeza a militar nas Irmandades da Fala en 1916 e, dous anos despois, na súa sección feminina —As Irmandiñas—, que chega a sumar duascentas mulleres nesta urbe, aínda que tamén ten éxito en Ferrol e Betanzos. Xunto a súa amiga Antonia Pardo, nai de Isaac Díaz Pardo, monta un grupo de teatro e acaba coñecendo ao compañeiro co que compartirá vida e militancia: Ánxel Casal.
Un fogar na rúa Panadeiras
Os namorados casan en setembro de 1920 e instálanse no número 9 da rúa Panadeiras, onde abren un pequeno comercio de teas. «María traballaba moitísimo. Ser modista significa patronar, cortar, coser, máis dar aulas. A súa agulla cosía para vivir, pero tamén para investir en proxectos políticos e culturais», explica a historiadora. Proxectos como a editorial Lar, que o seu home funda en 1924 con Leandro Carré Alvarellos. Pero nunca tiveron fillos. «Sufriu un aborto en 1927 que a deixou moi tocada. Foi un aborto bastante complicado e duro, física e psiquicamente», agrega. A finais dos anos vinte, a parella emigra unha tempada a Francia, e ela aproveita para traer de Burdeos revistas, figurinos de moda e teas. «Iso permitiulle que o seu traballo fose de calidade e moitísimo mellor pagado. Todo o que gañaba investíao na cultura e educación en Galicia», conta. De feito, apoia e acolle na súa vivenda coruñesa unha escola bilingüe, laica e progresista para rapaces que pecha cando a Segunda República pon en marcha o ensino obrigatorio en aulas mixtas ata os 14 anos de idade.
En 1931, múdanse a Santiago para estar preto do Seminario de Estudos Galegos xa que a editorial Nós, fundada por Casal catro anos antes, publicaba todas as obras desta institución. «Ela foi o piar económico de todo o proxecto da imprenta. Un dos traballadores que sobreviviu [á guerra] falaba de que era corrente ver alí a María cosendo os libros de maneira artesanal», lembra Otero.
Tamén participa a bergondesa nas tertulias da editorial, na sección feminina do Partido Galeguista e na campaña de apoio ao Estatuto de 1936. «A comisión que o levou a Madrid era moi ampla, pero só había unha muller, ela, e non ía como señora de, senón como traballadora activa do proxecto», valora a investigadora. Á volta da capital e tras o golpe militar, Casal asume a alcaldía compostelá, pero ese mesmo día vense obrigados a agocharse na aldea de Vilantime, en Arzúa, onde un veciño os delata. «Ela vai visitar ao seu home á Falcona, onde está detido, pero unha mañá lle entregan o seu reloxo e xa se dá conta que o asasinaran», sinala. A modista refúxiase unha tempada na Coruña coa súa familia política ata que, vestida de negro, colle un barco en Lisboa rumbo a Bos Aires.
«Maruxa Seoane, que foi amiga súa na Arxentina, díxome que María nunca volveu ter luz nos ollos desde que mataron a Ánxel Casal. E iso quedoume moi gravado». A costureira-editora acabou casando cun curmán, que cando ela morreu, o 17 de setembro de 1964, desfíxose de todas as súas pertenzas e lembranzas. «O mundo do exilio feminino é moi descoñecido, moi pouco estudado e, sobre todo, moi oculto», lamenta. Sirva este remendo como homenaxe.